Lara Méndez defende que Besteiro sería un moi bo candidato á Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, defendeu este luns que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, imputado por catro supostos delitos na urbanización de O Garañón cando foi concelleiro de urbanismo no Concello lucense, “sería un moi bo candidato” á Xunta de Galicia.

Sen dubidar, ao ser preguntada por esta candidatura, aínda no aire, a rexedora respondeu que está “segura” de que “sería un moi bo candidato á Xunta de Galicia”.

Non obstante, recordou que o propio Besteiro “xa manifestou que ata principios de 2016 non ía falar do tema, que non era un tema que toque agora mesmo que estamos ante uns comicios electorais importantísimos” e opinou que deles “é do que toca falar”.

“Como secretario xeral está a asumir toda a súa responsabilidade, está a traballar a favor de seguir reivindicando estas cuestións tan importantes como o lácteo e o que toca agora dende un punto de vista orgánico e electoral é as xerais de 2015”, resolveu Méndez.

31 de agosto de 2015 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.