Finaliza a Escola de Verán de Ames que este mes contou coa participación de 143 rapaces
Unha visita á nave que Circonove ten nas Cancelas, en Compostela, saídas para ver os Petroglifos do Vilar, as Hortas Urbanas, os bosques de Biduido e o castelo da Rocha Forte, concursos de cociña, piscina, gravacións de documentais na que os nenos e nenas tiveron a oportunidade de exercer de xornalistas, de actores, de cantantes e de magos, a construción de refuxios e vivacs, maquetas de Milladoiro e Bertamiráns, montaxe de tendas de campaña e traballo con emocións son algunhas das actividades máis salientables que este ano fixeron os 143 nenos e nenas que participaron na Escola de Verán. Os rapaces e rapazas despídense hoxe dos seus compañeiros/as e monitores/ realizando festivais nos que se resume o tempo de convivencia. A Escola e Verán dará paso ao Setembro Lúdico que comeza mañá, o programa facilita ás familias a conciliación da vida laboral e familiar no tempo que transcorre entre a Escola de Verán e o inicio do curso escolar.
“Coñecernos a nós e coñecer o entorno no que vivimos”, deste xeito poderían resumirse as intencións da Escola de Verán 2015 que, sempre baixo este prisma, estableceron distintas temáticas por quincena. A primeira delas á que bautizaron como “Coñecer Ames” insistiu no coñecemento e a relación dos nenos e nenas participantes. Traballouse coas emocións, afondando na relación e no coñecemento mutuo e realizando saídas para visitar lugares da contorna. A segunda quincena levou como lema “Somos Exploradores de Ames”, a terceira foi a quincena da supervivencia e esta última adicouse á arte baixo o lema “Somos artistas de Ames”.
Saídas para visitar lugares da contorna, actividades de deporte e piscinas, concursos de cociña como o Master Chef Bertamiráns, construción de maquetas e refuxios, montaxe de tendas de campaña etc foron algunhas das actividades que se realizaron durante os dous meses que durou a Escola de Verán. Cómpre salientar á visita a Nave que a empresa Circo Nove ten nas Cancelas e na que os nenos e nenas tiveron a oportunidade de converterse por un día en verdadeiros artistas de circo, facendo colgándose do trapecio, practicando saltos, poñendo a proba o equilibrio nos rolos, facendo malabares e iniciándose no mundo aéreo das cintas.
Este ano a Escola de Verán contou no mes de xullo con 235 usuarios/as no Milladoiro e 182 en Bertamiráns, mentres que en agosto participaron 104 nenos e nenas no Milladoiro e 82 en Bertamiráns.
A Escola de Verán está dirixida aos nenos e nenas que cursaron segundo ciclo de infantil e educación primaria. En Bertamiráns, as actividades serán para todos os rapaces e durante todos os horarios no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, no pavillón e na Casa da Cultura desta localidade. O obxectivo deste servizo é o de ofrecer ás familias a posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar constituírse en alternativa para que os nenos/os pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo.
Na Escola de Verán ofrécese o servizo Bos Días que se desenvolve ata as 9:00 horas, podendo o usuario/a escoller entre as modalidades con ou sen almorzo. De seguido, entre as 9:00 e as 14:30 horas, desenvólvense as actividades de lecer e educativas propias do servizo. Despois, os rapaces que non teñen solicitado o servizo de comedor son recollidos por seus pais ás 14:30h, mentres que os que xantan na Escola de Verán rematan as 16:00 horas.
Páxina web informativa da Escola de Verán
A empresa adxudicataria deste programa municipal, Agora Aberta, ofrece un servizo de información a través da rede. Os pais e nais con fillos/as inscritos neste servizo poderán acceder a páxina web www.agoraaberta.es/escoladeveran para ver a programación de actividades que se van a realizar na Escola de Verán. Ademais, dentro deste sitio web existe un blog coas actividades que se van facendo, o material que se empregou, etc. Por último, os pais e nais poderán acceder a diferentes fotos e vídeos das actividades. Para iso daráselle unha contrasinal co obxectivo de que poidan acceder ás fotos e vídeos de xeito individual. Para acceder a está páxina web hai que premer nun banner que se atopa na cabeceira da web municipal.











