Ferrol pretende encher as rúas da cidade con xente co programa festivo do 21 ao 31 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrol
A-
A+

Ferrol disfrutará do 21 ao 31 de agosto cun programa de festas organizadas para todos os públicos coas que se tentará “encher de xente a cidade e as rúas”. A programación das festas foi presentado neste venres pola concelleira de Festas, Beatriz Sestayo (PSOE), que avanzou que o obxectivo será que “Ferrol se vista de festa durante todos os días”.

Con este fin organizáronse uns festexos “plurais e transparentes” que parten da participacion cidadá, nos que se tivo moi en conta as suxerencias que os cidadáns fixeron chegar a través da páxina web do Concello, así como as aportacións dos comerciantes e hosteleiros, e nas que se fixo “unha discriminación positiva” a favor de empresas de iluminación, son e organización da cidade.

As festas tiveron que ser organizadas en tan só un mes, dado que non había nada previsto, e cunha cantidade de 180.000 euros, a partida que quedaba dispoñible no departamento tras o cambio de goberno, moi inferior aos preto de 360.000 euros que destinaba o PP, e que adxudicaba por trámite de urxencia a unha empresa.

“A cantidade é menor que a doutros anos porque as circunstancias sociais parece que non aconsellan trasladar partidas doutras concellerías para festas”, engadiu a concelleira Beatriz Sestayo.

PROGRAMA

As festas comezarán co pregón na praza de España o día 21 de agosto ás 22:30 horas, cun pregoeiro que será anunciado nos próximos días. O artista ferrolán Andrés Suárez, un dos que máis demanda suscitou nos correos de cidadáns enviados ao Concello, será o encargado de abrir a programación musical das festas, cunha actuación na que estará acompañado de toda a súa banda. Será ás 23:00 na praza de España.

O sábado 22 terá lugar o concerto do grupo Efecto Pasillo, que encherá de ritmos latinos de pop e rock a praza de Españá dende as 22:30 horas. Durante todo o día terá lugar o Rallie de Ferrol, que continuará o domingo, e haberá ademais actividades infantís a cargo de La Guagua, ás 18:30 no pavillón de Esteiro e ás 19:30 na praza do Himno Galego. En Caranza, o sábado 22, desenvolverase a Festa do Choco, acompañada da música de Los Zares, dende as oito da tarde.

O domingo 23 será un día no que brilará a maxia, coas actuacións do mago Don Gelatti, ás doce e media no Cantón de Molíns e ás oito no Inferniño, pero no que tamén terá un protagonismo especial o feminismo e a muller. Ás seis da tarde farase un paseo turístico da ruta Ferrol en feminino, comezando en Ferrol Vello, e coa previsión de finalizar a tempo para o concerto da artista galega Sés, na praza de España, ás once da noite. Previamente, ás dez, actuará o grupo folk local Lenda Ártabra. 

O luns 24 de agosto terá lugar o tradicional concerto de Rondallas, ás nove da noite na praza de Armas. O martes 25 será o turno da conmemoración da Batalla de Brión, coas Salvas na praza de Armas ás doce da mañá e os actos na parroquia de San Felipe. Ás nove e media da noite será o turno do cine, coa proxección ao aire libre na praza de Sevilla, da película de animación “Maimiño”.

O mércores 26 chegará a Ferrol o espectáculo de animación infantil “As mil e unha noites”, na praza Vella ás oito da tarde, e poderase ver o concerto do rapeiro ferrolán Abuín, que está a triunfar nas redes sociais co seu proxecto “12 meses”. Será na praza do Inferniño ás nove da noite.

O xoves 27 en Ferrol haberá música soul e jazz, co concerto en Amboaxe de Freedonia, ás dez e media da noite, unha das formacións que ofrece un dos mellores directos que se pode ver hoxe en día en España. Previamente, actuará Jaime Frithring, ás nove e media, para presentar o seu primeiro disco. A animación familiar tamén terá o seu oco este día, co espectáculo Bambalas ás doce e media na praza do Inferniño e ás oito na praza Vella. 

O sábado 29 a música volverá encher a praza de Amboaxe, ás once e media da noite, coa actuación do grupo El columpio asesino e a súa música de xogo de pop con electrónica e de rock con punk. Unha hora antes actuará a banda ferrolá Carrero Bianco. A animación na rúa virá a cargo do musical familiar “De aquí para alá”, que se poderá ver ás oito en Canido.

O domingo 30, Peter Funk, coñecido como o mellor paiaso do momento en Galicia, chegará á praza de Ultramar pola mañá e ao Cantón de molíns pola tarde.

Pero sen dúbida poderase ver a un dos grandes protagonistas da programación de festas deste ano, Ara Malikian, un dos máis expresivos violinistas do mundo, que actuará na praza de Amboaxe a partir das dez e media da noite. 

E xa para rematar, o luns 31 as festas farán un guiño ás Meninas de Canido, coa realización de pinturas en Amboaxe durante a tarde, coa participación do artista Eduardo Hermida, como acompañamento para outro dos espectáculos familiares máis esperados, “A nena e o grilo van de festa”, de Magín Blanco. 

Todas estas actividades culturais e musicais completaranse cun amplo abano de actividades deportivas. Así, o luns 24 haberá unha Masterclass de Zumba e circuito funcional na praza de España durante a mañá, o martes unha exhibición de Lantin Fun en Amboaxe, o mércores de zumba e Body Combat no parque Raíña Sofía, o xoves destas mesmas disciplinas no Inferniño, e o venres de Taichi e circuito funcional na praza Carmelo Teixeiro. Todas estas actividades serán ás doce da mañá.

Ademais, o mércores 26 disputarase no Campo da Gándara o I Trofeo feminino de fútbol Concepción Arenal, co que se tentará dar relevancia e presenza ao deporte feminino.

E como non podía ser doutro xeito, os fogos artificiais porán o colofón ás festas deste ano o luns 31 de agosto. 

7 de agosto de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.