Ferrol lembra ás vítimas de violencia de xénero cunha plantación de rosas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Plantación de rosas

Plantación de rosas

O Concello de Ferrol realizou un acto simbólico de plantación de rosas e unha lectura dun manifesto para amosar a súa rotunda e enérxica condena á violencia de xénero. A Concellería de Muller, encabezada por Beatriz Sestayo (PSOE), convocou un acto de plantación dunha rosa por cada unha das vítimas da violencia machista do último trimestre. A plantación tivo lugar no parque Raíña Sofía e responde a un acto simbólico que se comezou a facer durante o anterior goberno socialista.

Na plantación de rosas participou a propia concelleira Beatriz Sestayo e a edil de Inmigración e Xuventude, María Teresa Riveira (FeC), xunto con persoas representantes de distintos colectivos de muller que quixeron colaborar no acto.

Ás doce da mañá realizouse na praza de Armas a lectura dun manifesto, coa colaboración dos xornalistas do medio de comunicación Ferrol 360, no que se condenou todo acto de violencia machista. A continuación gardouse un minuto de silencio en lembranza dos desgarradores acontecementos dos últimos días, nos que a violencia de xénero atacou dun xeito directo ás chamadas “vítimas secundarias”, a menores de idade.

“Estamos plantando rosas en lembranza de todas estas vítimas inxustamente asasinadas polo feito de estar condenadas a un concepto de propiedade do machismo, non só sobre as mulleres senón sobre o que máis queremos as mulleres, sobre as nosas fillas, os nosos fillos”, lamentou Beatriz Sestayo, que instou a que este acto de repulsa dende Ferrol non sexa só hoxe senón a que se converta “nunha repulsa, nunha condena e reivindicación de todos e cada un dos días, nos que as mulleres debemos reivindicar a igualdade, o noso espazo, e toda a sociedade ten que implicarse” para “erradicar e facer desaparecer” esta violencia. 

A concelleira de Benestar Social e Muller incidiu en que “ante unha lacra terrible non pode haber nin resignación nin pasividade”. “As mulleres temos que aliarnos para loitar contra a violencia de xénero e para que algún dia plantemos rosas porque a sociedade estea completamente concienciada”. 

7 de agosto de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.