publicidade hoxe

Culleredo reorganiza o aparcadoiro da zona antiga de Vilaboa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

A contorna máis antiga de Vilaboa dispón do seu principal aparcadoiro en O Souto. Dá servizo a esta zona de casas baixas e pazos, como o de Vila Melania, hoxe convertido nun equipamento social municipal con salas de actividades, oficinas e un gran parque con elementos biosaudables ou os hortos urbanos. Tamén é empregado por veciños das inmediacións e usuarios de establecementos comerciais e de hostalaría.

O Concello de Culleredo executa actualmente unha reorganización deste aparcadoiro. Detectáronse problemas coas xardineiras que foron levantando lastros e causando obstáculos para o normal uso do espazo de estacionamento. 

O goberno local aproveitou para programar esta reorganización. A actuación consiste nunha modificación das xardineiras para facilitar o aparcadoiro adecuado, ademais con varias prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. 

Tamén se moverán os farois nesta reorganización. Con esta modificación varíase a posición das prazas, o que permitirá que se incrementen un pouco en número. 

Os traballos fixeron necesario valar parte do aparcadoiro. O Concello estima que nos próximos días estarán completados e poderase volver utilizar con normalidade. 

O primeiro tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos, José Ramón Rioboo, apunta que a actuación era demandada por veciños da zona, usuarios habituais do aparcadoiro, que advertiron da necesidade de melloralo.

4 de agosto de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.