Controlado o incendio da nave de Freiremar
O incendio da antiga nave de Freiremar (concesión portuaria que agora ostenta Frigalsa) está “controlado, pero non extinguido”, segundo confirmou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen avanzou que o traballo dos bombeiros aínda se alargará “bastantes horas”. Así o explicou este luns o rexedor, quen permaneceu durante gran parte da mañá nas inmediacións desta nave, xunto con concelleiras; o presidente do Porto, Ignacio López-Chaves; e outras autoridades.
Caballero explicou que durante as próximas horas permanecerán cortados ao tráfico algúns tramos das rúas adxacentes, e sinalou que, reducido o risco para as persoas, os traballadores das empresas próximas poderán regresar aos seus postos, excepto os empregados da conserveira Albo, que realizaban o seu labor na nave contigua á afectada.
Por outra banda, o rexedor confirmou que as chamas puideron ter a súa orixe nos traballos de soldadura que se estaban realizando no interior desta nave, que estaba a ser reformada para acoller dous almacéns frigoríficos para túnidos.
PRIMEIRO INTENTO CUN EXTINTOR
Dous operarios que traballaban na obra trataron de apagar cun extintor as primeiras chamas do incendio, pero a voracidade do lume e a rapidez con que se propagou impediron que se puidese controlar e obrigaron a solicitar a presenza urxente dos bombeiros.
O alcalde indicou que os traballadores “fixeron o que hai que facer, que é irse rapidamente e avisar aos bombeiros”, e apuntou que había material altamente inflamable, como o propio material de illamento, que era “antigo”.
“PRACTICAMENTE PERDIDA”
En canto aos danos, Caballero reiterou que o lume foi de tal magnitude que deixou a nave de Freiremar “practicamente perdida”, a pesar dos esforzos de todas as dotacións dispoñibles de bombeiros (uns 30 efectivos), apoiadas por 5 grandes cisternas, tres unidades complementarias de apoio, e efectivos de Policía Local, Nacional, Policía Portuaria e Protección Civil.
Aínda que é pronto para avaliar con exactitude os danos nesas instalacións, Caballero si que confirmou que os bombeiros lograron conter o lume na nave, e impedir que se estendese ás instalacións contiguas, que pertencen á conserveira Albo.
Con todo, a conserveira si que resultou afectada no incendio, non só porque os seus traballadores foron evacuados, senón porque tiña alugado un espazo na nave de Freiremar con conservas almacenadas, que foron destruídas polo lume.











