Constitúese a comisión de desafiuzamentos de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Esta mañá, ás 13:00 horas, celebrouse a primeira sesión da comisión de desafiuzamentos do Concello de Ames. Nesta primeira xuntanza constituíse a devandita comisión de forma oficial e analizouse a situación actual do termo municipal de Ames. Neste encontro participaron a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, membros de todos os grupos políticos municipais, representantes da Plataforma Stop Desahucios, de Servizos Sociais comunitarios e a asesoría xurídica municipal. Dende Cáritas Milladoiro e Cáritas Bertamiráns pediron desculpas non poder asistir a esta comisión.

Coa crise e o incremento do desemprego moitas familias están a chegar a situacións límite que non lles permite cubrir as súas necesidades máis básicas. O Concello de Ames non é alleo a este problema, xa que continúa habendo casos de familias completas con todos os seus membros en paro, que ven como a súa vivenda pode estar en perigo por unha execución hipotecaria o que pode provocar a perda do inmoble, ademais de quedar expostos a unha condena financeira de por vida.  

Nesta primeira xuntanza analizouse a situación actual do termo municipal de Ames. Segundo se desprende deste reunión, nos último tempos no concello de Ames estanse dando máis casos de desafiuzamentos de vivendas en aluguer. Deste xeito, dende o goberno municipal indican que se centrarán nestes casos e non tanto nos  desafiuzamentos hipotecarios que son menos. 

Dende o goberno tamén se indica que os desafiuzamentos de vivendas vulneran un dos dereitos fundamentais dos cidadáns recollido no artigo 47 da nosa Constitución que di que “todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada e que os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando o uso do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación”. A perda da vivenda leva consigo a perda doutros dereitos e impide ás persoas afectadas realizarse no ámbito familiar, e profesional, e condena en moitos á marxinación e exclusión social.

A concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “a situación de desamparo na que se atopan algunhas das familias amesás, asfixiadas por unha situación cada vez máis insostible fai necesario intervir con urxencia ante esta dramática situación. Dende o Concello de Ames, mentres non se cambie dende os órganos competentes estatais a lexislación sobre desafiuzamentos, queremos aportar as medidas necesarias no ámbito municipal para evitar que se produzan máis desafiuzamentos”.

4 de agosto de 2015 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.