Concello e Racing de Ferrol organizan o LIV Trofeo Concepción Arenal de fútbol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaFerrol
A-
A+
Presentación do torneo

Presentación do torneo

Despois de que o ano pasado non se chegase a celebrar, este 2015 retómase a organización do Trofeo Concepción Arenal de fútbol, na súa edición LIV, enfrontando ao Racing Club de Ferrol e o Clube Deportivo Lugo, nun encontro que terá lugar o venres 7 de agosto, ás 20:00 hroas, no Estadio da Malata.

O Trofeo organizado polo Concello e o Racing volve así a celebrarse un ano máis, continuando cunha tradición de máis de 50 anos que o sitúa como un dos acontementos futbolísticos da cidade e de Galicia.

Aínda que non estaba organizado cando comezou o presente mandato, o Concello e o Racing acordaron disputar este Trofeo durante o partido que xa tiña previsto o equipo ferrolán contra o Clube Deportivo Lugo, que na actualidade compite na Segunda División A da Liga de fútbol profesional. O trofeo que obterá o gañador representa unha das torres do Castelo de San Felipe.

Na rolda de prensa de presentación celebrada no Concello de Ferrol, participaron o alcalde, Jorge Suárez, o concelleiro de Deportes, Turismo e Servizos, Bruno Díaz, o presidente do Racing, Isidro Silveira, e o director de Marketing de Gadisa, Antonio Cortés, en representación da empresa que colabora na organización do evento. 

O Concello de Ferrol, segundo explicou o edil Bruno Díaz, fixo o posible para que non se perdera a tradición deste Trofeo, cunha aportación económica que permite a adquisición do Trofeo, mentras que Gadisa axudará na cartelería e promoción. A organización deste evento ven acompañada da previsión de que durante este mesmo mes de agosto se celebre tamén o Trofeo Concepción Arenal de fútbol feminino, poñendo en valor “á persoa que da nome a este evento” e co obxectivo de que en vindeiros anos se poidan celebrar dun xeito conxunto os partidos tanto masculinos como femininos. 

Bruno Díaz agradeceu tamén “a iniciativa do Racing, porque se non fora por iso, tendo en conta que non había previsión ningunha, non se tería producido este Trofeo”. 

“Imos apostar porque os vindeiros catro anos, este Trofeo que ten a súa importancia histórica, teña continuidade, para poñer o Racing no foco ao inicio da tempada, cun partido importante, cun equipo de Segunda División como é o Lugo e facemos un chamamento a que todas as gradas se enchan”, engadiu Jorge Suárez, que amosou a súa confianza en que o Racing, “unha referencia para todo o fútbol base da comarca”, ascenda este ano á Segunda División A.

Pola súa parte, o presidente do Racing agradeceu en nome do equipo ao Concello “este esforzo que fan connosco, que é unha pena que o ano pasado non se fixera”. 

As entradas poñeranse á venta na taquilla do Racing a prezos de 5 euros para Fondo e gol, 8 euros para preferencia e 12 para tribuna. Os menores de 12 anos entrarán gratuitamente acompañados dun adulto e previa retirada de invitación. 

4 de agosto de 2015 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.