Concello de Cangas e representantes da Confraría reúnense con Portos de Galicia
O alcalde de Cangas, Xosé M. Pazos e o concelleiro de urbanismo, Mariano Abalo, mantiveron esta mañá unha xuntanza co director de Portos de Galicia, Ignacio Villar e varios representantes da Confraría San José de Cangas co fin de tratar diferentes asuntos de importancia.
O concello aproveitou a cita para formular a desafectación dos terreos que non teñen usos portuarios, coma por exemplo na zona do aterrado do mercadiño, para o cal é necesario iniciar o proceso. Así mesmo, solicitaron un plan de usos do porto, elaborado dende o ano 1999 e que carece a día de hoxe de aprobación. Portos, con respecto a este asunto, comprometeuse a retomar e axilizar o proceso para proceder a súa aprobación. Por outra banda, concello e Portos estudarán a posibilidade de asinar un convenio de colaboración.
A Confraría San José de Cangas, pola súa parte, expuxo os problemas que lle atinxen, entre os que destacaron: os cheiros na zona, as continuas avarías nas pilonas, o aparcamento así como a necesidade dun vixiante portuario. Portos de Galicia comprometeuse a afrontar os problemas relatados con urxencia.
Outras cuestións que se tiveron en conta foron: o peche dos baños da estación marítima, que estarán abertos ao público nos vindeiros días; a mellora en materia de accesibilidade no acceso ao barco na estación marítima ou os problemas cos que se atopa a confraría de Aldán por culpa dos barcos de recreo alí estacionados.











