Comezan as obras de bacheo para acondicionar e mellorar diferentes rúas e pistas de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Tarefas de bacheo en Lalín

Tarefas de bacheo en Lalín

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, vén de dar instrucións para que se inicien os traballos de mellora de diferentes rúas e pistas do Concello. As actuacións, consistentes no bacheo e acondicionamento de viais, están a ser realizados por membros da brigada de obras en diferentes  puntos da zona urbana e da zona rural de Lalín.

En concreto, esta mañá empezaron as actuacións na pista que vai de Maceira a Alperiz. Agárdase que estes traballos estean completamente rematados no prazo de dous días. Ao mesmo tempo está previsto que esta mesma semana se actúe na pista que vai de Alemparte a Alperiz, e tamén no núcleo de Castro.

Con respecto á zona urbana, hoxe empezaron as obras de bacheo na Rúa 1. O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e o concelleiro de Rural, Miguel Medela, mantiveron hoxe unha reunión cos veciños da zona para coñecer as súas principais reivindicacións para a mellora e acondicionamento desta rúa.

Co obxectivo de incrementar a eficacia e a calidade dos traballos, o Concello vén de incorporar un novo remolque que lle vai permitir á brigada de obras o traslado da maquinaria pesada necesaria para realizar os traballos. Desta maneira -en contra do que era habitual no anterior mandato- vaise empregar un pisón para darlle máis consistencia e firmeza á superficie das pistas nas que se está a actuar co obxectivo de que as melloras resulten máis duradeiras.

4 de agosto de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.