Comeza a Escola de Verán con comedor en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Visita do rexedor á Escola de Verán

Visita do rexedor á Escola de Verán

Un total de 55 rapaces e rapazas de entre 3 e 17 anos comezaron hoxe a Escola de Verán con Comedor posta en marcha polo Concello, e que se desenvolverá ata o comezo do próximo curso escolar no colexio Manuel Rivero. A iniciativa ideada e executada polo actual equipo de goberno preséntase como un exemplo de modelo de integración, como demostra que dende outros municipios xa se puxeron en contacto co Concello de Lalín para estudar o modo no que se artella a actividade e poder desenvolvela de xeito similar.

A Escola de Verán con Comedor foi posta en marcha polo actual Goberno en tempo “récord”, malia non deixar o anterior equipo do PP planificación nin cantidade algunha presupostada para este tipo de iniciativas de carácter social. Para próximos anos, o Goberno ten previsto comezar a escola tan pronto remate o curso escolar e mantelo ata o inicio do curso seguinte.

O alcalde, Rafael Cuíña e o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, visitaron esta maña o colexio Manuel Rivero, para compartir cos 55 menores inscritos o comezo do curso. O primeiro día do campamento integrador serviu de toma de contacto entre os organizadores e os alumnos, aínda que, divididos en dous grupos e, en función da idade, os rapaces tamén  tiveron tempo para realizar as primeiras actividades lúdicas e deportivas. 

O curso pretende, principalmente, garantir a alimentación variada e equilibrada de todos os menores do municipio durante o verán. Aínda que se dirixe principalmente a aqueles nenos e nenas de familias en situación de dificultade, a escola abriuse a todos os rapaces e rapazas do municipio, co dobre obxectivo de evitar, por unha parte, a posible estigmatización, así como contribuír, por outro lado, a facilitar a conciliación familiar e laboral. O curso tamén serviu, tal e como recordou o rexedor, Rafael Cuíña, para crear 5 postos de traballo, correspondentes ás prazas de monitor. 

O programa comprende actividades tales como a divulgación do coñecemento do entorno, o fomento da lectura, das matemáticas, talleres de escritura, e multitude de obradoiros de todo tipo, finalizando cada día cunha comida. O horario de desenvolvemento do programa é de luns a venres, de 09.00 a 15.00 horas.

No marco das actos lúdico-culturais, mañá actuarán ás 10.00 horas, o colectivo Polo Correo do Vento. Trátase dun grupo que trata de promocionar o Camiño de Santiago, a través de actividades pensadas para o público máis novo, así como promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento creativo dos nenos e nenas. 

3 de agosto de 2015 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.