publicidade hoxe

Centos de veciños e visitantes na ‘Feira dos Emigrantes’ de Touro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+
Feira dos Emigrantes

Feira dos Emigrantes

Centos de veciños e forasteiros acudiron hoxe a Fonte Díaz, capital do Concello de Touro, a gozar da ‘Feira dos Emigrantes’, que se organiza o 5 de agosto de cada ano. Desde primeira hora da mañá dun día nubrado, numerosos puntos de venda ofreceron produtos de artesanía, roupa e alimentos a veciños e visitantes, que gozaron ademais da música da charanga ‘O Santiaguiño’ de Padrón.

Persoas que residen durante todo o ano en Cataluña, País Vasco, Suíza ou Alemaña volven no mes de agosto ao municipio coruñés. E a feira de hoxe convértese nun lugar para o reencontro. A xornada animouse especialmente a partir do mediodía ao redor dos postos de polbo, tradicionais tamén no día dedicado aos emigrantes. Numerosos veciños comeron en compañía de persoas ás que non ven en todo o ano e a feira alargouse até primeira hora da tarde. Moitos veciños das parroquias utilizaron o autobús que puxo o Concello para poder desprazarse até a feira. Coa celebración da ‘Feira dos Emigrantes’ comeza un mes de agosto cheo de actividades. O vindeiro domingo, día 9, celebrarase a Festa dos Maiores de Touro.

5 de agosto de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.