Campaña de doazón de sangue en Lalín

Presentación da campaña
O tenente de alcalde e Concelleiro de Sanidade Pública, presentou esta mañá, xunto coa responsable de prensa do Centro de Transfusións de Galicia (CTG), Chus Pazos, a nova campaña de doazóns de cara este verán. Casares indicou que para o Concello de Lalín “é sumamente importante que o CTG cubra as súas esixencias de sangue nunha época de tanta necesidade como os meses estivais”.
Neste sentido sostivo que o Concello “ten a obriga de pór a disposición d centro todos os medios necesarios para trasladarlle á cidadanía a importancia que ten nestes momentos doar sangue”. Por este motivo, explicou que xa está en marcha a distribución de 3.000 panfletos promocionais da campaña de doazóns por todo o municipio. Nos anuncios que se están a repartir indícase que a unidade móbil do CTG estará na Praza da Igrexa o luns 10 e o martes 11 de agosto, en horario de 10.30 a 14.00 horas pola mañá, e de 17.00 a 21.00 pola tarde. Chus Pazos indicou, pola súa parte, que en Galicia se necesitan cada día 500 doazóns, polo que fixo un chamamento a todos e todas as lalinenses para que acudan á unidade móbil nos próximos días.











