Asinado o contrato do servizo dos programas lúdicos do Concello de Ames

Sinatura do contrato
Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o representante da empresa Agora Aberta asinaron o contrato do servizo municipal dos programas lúdicos do Concello de Ames. Este servizo foi adxudicado á empresa Agora Aberta por dúas tempadas (2015/2016 e 2016/2017), que se poderán prorrogar anualmente de maneira expresa por tempada ata un máximo de catro tempadas.
A Xunta de Goberno Local adxudicou o pasado 23 de xullo o servizo dos programas lúdicos do Concello de Amesá empresa Agora Aberta. Esta adxudicación foi feita despois de que a devandita empresa presentase a mellor oferta no procedemento de licitación aberto para tal fin. O importe da oferta económica do licitador adxudicatario ascende a un prezo de 13,35 euros, máis IVE, por cada hora de traballo de cada un dos/as monitores/as e un prezo de 0,65 euros, máis IVE, por cada almorzo servido.
O prazo de duración do contrato será inicialmente por dúas tempadas (2015/2016 e 2016/2017), desenvolvéndose a tempada nos períodos vacacionais dos meses de setembro, decembro, primavera e xuño. O devandito contrato comezará a executarse no período de vacacións de setembro de 2015, coincidindo co mes de inicio do curso escolar. O contrato poderá prorrogarse anualmente de maneira expresa por tempada ata un máximo de catro tempadas.
O concelleiro de Educación, David Santomil, explica que “o Concello de Ames aposta pola prestación deste tipo de programas como son os de conciliación”. Ademais, Santomil, destaca que “a empresa adxudicataria deste servizo é de Ames”, e engade que, “dende o goberno municipal intentaremos, sempre seguindo os canles legais de licitación, que as empresas que impartan este servizos sexan do noso concello porque isto repercutirá de xeito beneficioso na promoción do emprego entre a nosa veciñanza”.











