publicidade hoxe

As decisións do Parlamento Europeo poñen en dúbida a viabilidade de proxectos coma o de Termo-Biológicas polas limitacións impostas aos biocombustibles de primeira xeración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de Bergantiños
A-
A+

O acordo dos Estados membros na Comisión de Medio Ambiente o pasado abril supón limitar a un máximo do 7% os combustibles derivados de cultivos para o consumo enerxético do transporte en 2020 e optar no futuro por unha segunda xeración de produtos máis avanzados procedentes de residuos e novas fontes como as algas mariñas co obxectivo de recortar as emisións de gases de efecto invernadoiro causadas polo uso da terra para a produción deste tipo de carburantes.

Doutra banda, os provedores deberán reportar á Comisión Europea o nivel estimado das emisións causadas polo concepto de “cambio indirecto de uso da terra” (ILUC en inglés), é dicir, a liberación de máis terras de cultivo para produción alimentaria compensando así o destinado á produción de biocombustibles.

Tal como informou a Comisión de Medio Ambiente, “o uso de terras agrícolas para producir cultivos para biocombustibles reduce a área dispoñible para cultivos de alimentos. Isto súmase á presión para liberar máis terra, por exemplo, a través da deforestación, a cultivar máis alimentos”. Para o organismo “a deforestación en si mesma aumenta as emisións de gases de efecto invernadoiro, o que pode cancelar parte ou nalgúns casos mesmo a totalidade dos efectos beneficiosos do uso de biocombustibles”.

Europa considera que non todos os biocombustibles teñen o mesmo impacto sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro. Os biocombustibles de primeira xeración, obtidos a partir de cultivo de materias ricas en hidratos de carbono, supoñen unha competición directa cos cultivos alimentarios e forraxeiros das superficies agrícolas, o que pode conducir a unha conversión no uso dos terreos e a conseguinte liberación de emisións. Por exemplo, se se tallan os bosques para aloxar novas terras de cultivo en compensación das hectáreas dedicadas á produción de biocombustibles, é posible que ao final se xere un maior nivel de emisións que as emitidas con anterioridade polos combustibles tradicionais.

IMPULSO DECIDIDO DENDE EUROPA Á SEGUNDA XERACIÓN DE BIOCOMBUSTIBLES FRONTE A PROXECTOS COMO O DA BATATA EN BERGANTIÑOS

A decisión adoptada confirma que “os estados membros da UE terán que establecer un obxectivo nacional, como moito 18 meses despois de que a directiva entre en vigor, para os biocombustibles avanzados, como os procedentes de determinados tipos de residuos e novas fontes como as algas”.

Este factor únese ás restricións impostas aos biocombustibles de primeira xeración, que a partir do ano 2020 non serán subvencionados en ningún caso pois os biocarburantes só terán axudas se proporcionan unha redución significativa das emisións de gases de efecto invernadoiro e non se derivan de cultivos utilizados para a alimentación e a gandaría.

Esta nova normativa, que dá conta do nivel de emisións indirectas derivados dos biocombustibles envía unha clara mensaxe de que os biocombustibles de primeira xeración non son en absoluto para Europa o futuro. De feito, o Goberno español xa adoptou medidas que limitan o uso deste tipo de carburantes e a súa redución substancial nos obxectivos obrigatorios de consumo.

UN ESCENARIO DIFICILMENTE ASUMIBLE

Para a Plataforma Salvemos Cabana, á vista da normativa, resulta canto menos complicado asumir a viabilidade dun proxecto como o defendido por Termo-Biológicas e o seu presunto investimento próxima aos 2.000 millóns de euros durante os próximos sete anos cando inicialmente se falou de 300 nos medios de comunicación.

Hai que recordar que neste momento hai unha investigación aberta no Parlamento de Galicia impulsada por AGE, que nunha publicamente denunciou a opacidade das xestións o que fai que sexan moitas as dúbidas que rodean a este proxecto por factores como “a relación da empresa con proxectos falidos en Canarias e Andalucía e as reclamacións multimillonarias por danos e prexuízos por parte desta”, preguntándose “como é posible que con este novo marco normativo, e tendo en conta que o sector dos biocombustibles está paralizado en Galicia, váiase investir nas cantidades que se anuncian”.

3 de agosto de 2015 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.