Ardemil revivirá as tradicionais mallas esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOrdes
A-
A+

Esta vindeira fin de semana a parroquia de Ardemil volverá revivir a tradición das mallas. A Asociación Cultural Castro da Croa convoca a veciños, veciñas, visitantes e todo aquel que teña gañas de festa á súa ‘Malla tradicional’.

Deste xeito o vindeiro venres, 7 de agosto, a partir das 20 horas, haberá touciño entrefebrado gratis para todas e todos os asistentes, ademais do baile, para o que contará coa actuación do cantante Mario.

O sábado, 8 de agosto, terá lugar a malla propiamente dita a partir das 12 horas. A esa hora todos os xornaleiros teñen prevista a súa chegada nun tren do máis especial. Ademais da malla ese día tamén haberá unha feira de antigüidades, a máis grande de toda Galicia segundo os organizadores, ademais doutra de tractores novos e antigos, unha mostra de coches antigos, motos, mobles, pías, farrapos, maquinaria relacionada coas mallas etc. Aqueles que queiran inscribirse nesta feira aínda están a tempo chamando ao teléfono 676 221 905. Tamén haberá carpas con polbo e carne ao caldeiro para os que se animen a quedar a comer no lugar. No apartado musical tamén se contará con grupos de gaitas e coa actuación, tanto a mediodía como pola noite, do dúo Suso.

O domingo, último día desta celebración, terá lugar unha gran concentración de coches e tractores antigos, os cales farán un percorrido pola zona. 

6 de agosto de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.