Apróbase o acordo de concentración parcelaria da zona de Parada en Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o aviso polo que se anuncia a aprobación da fase de acordo de concentración parcelaria da zona de Parada II, no concello coruñés de Ordes. O Acordo supón a determinación das fincas de reemprazo, cos novos titulares, coa superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra. Deste xeito, a concentración parcelaria de Ordes, supón a reorganización de 3.371 parcelas pasando a contar con 1.103 fincas pertencentes a 600 propietarios. Lévanse investido dende o inicio da concentración máis de 2 millóns euros que se destinaron na súa meirande parte á execución da rede de camiños e a investimentos en servizos técnicos como a elaboración do proxecto de concentración, a elaboración das bases provisionais e definitivas, a redacción do acordo, entre outras cuestións.

Con este anuncio, a Consellería pon en coñecemento dos veciños que se abre o prazo de 30 días hábiles de exposición pública do acordo, o cal poderán examinar no Concello de Ordes e nos lugares de costume da zona. Os documentos a examinar refírense ás fincas de reemprazo, ás fichas de atribucións e aos planos da concentración. Contra o Acordo, os interesados poderán interpoñer recurso de Alzada ante a Consellería do Medio Rural e do Mar dentro do prazo de 30 días contados dende o seguinte á notificación a cada un dos propietarios.

6 de agosto de 2015 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.