Ames pon en marcha unha campaña sobre xestión dos aparellos eléctricos e electrónicos domésticos
O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, acaba de poñer e marcha unha campaña sobre a xestión dos aparellos eléctricos e electrónicos domésticos. A través da iniciativa “Bótalle un cable ao Medio Ambiente. Non abandones os aparellos eléctricos e electrónicos”, preténdese concienciar á veciñanza amesá para que faga unha correcta xestión dos aparellos eléctricos e electrónicos domésticos. Para iso é necesario reutilizalos o máximo posible, e por último, reciclalos depositándoos no Punto Limpo ou en calquera establecemento ao que se vaia a comprar un aparello das mesmas características.
A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa garcía, explica que “un aparello eléctrico e electrónico é aquel que funciona conectado á corrente ou por medio de baterías ou pilas (neveiras, lavadoras, Mp4, ordenadores, móbiles). Se estes aparellos deixan de funcionar convértense nun residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE)”.
Cos grandes avances da tecnoloxía os aparellos eléctricos e electrónicos (AAE) van quedando obsoletos, e de inmediato son substituídos por outros máis modernos que poden conter materiais potencialmente perigosos. Faise necesario xestionalos axeitadamente, evitando así a sobrecarga, a contaminación da contorna, e riscos innecesarios para a saúde das persoas. Deste xeito, é importante destacar que todos os posuidores de aparellos eléctricos e electrónicos de uso doméstico, que queiran desfacerse deles, non poderán abandonalos na vía pública se non que deberán xestionalos axeitadamente.
O que se pode facer para reducir o uso dos residuos dos aparellos eléctricos e electrónicos é reutilizalos o máximo posible, e por último, reciclalos. Para iso, pódense levar ao Punto Limpo, que está situado na Rúa das Hedras, no polígono Novo Milladoiro, e deixalos en calquera establecemento ao que se vaia a comprar un aparello eléctrico ou electrónico das mesmas características ou funcións que o que se vai entregar.
Cómpre lembrar que o resto dos móbeis e enseres domésticos (colchóns, sofás, cadeiras, mesas…) seguirán recolléndose previa chamada telefónica ao número de teléfono 639 107 638 ou mediante depósito no Punto Limpo.











