Ames monta un operativo especial para coordinar os traballos previos ás festas da Peregrina
Esta mañá celebrouse unha xuntanza nas oficinas do departamento de Urbanismo para coordinar os traballos que haberá que realizar ao longo desta semana e durante as festas patronais de Bertamiráns, que se celebrarán o venres 7, o sábado 8 e o domingo 9 de agosto. A esta reunión asistiron o concelleiro de Obras e Urbanismo, Blas García, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o presidente da comisión de festas, Andrés Núñez, un representante da confraría da Peregrina, o inspector da Policía Local, a aparelladora municipal e un dos encargados da brigada municipal de obras.
Esta reunión realizouse co obxectivo de coordinar os traballos que hai que realizar dende os diferentes departamentos municipais de cara a celebración das festas da Peregrina que van a ter lugar esta fin de semana en Bertamiráns. Deste xeito, tratáronse varios asuntos como a regulación do tráfico durante estas festas e tamén se falou das diferentes necesidades que solicitaron dende a comisión de festas e dende a confraría da Peregrina.
O Concello de Ames, a través da brigada de obras, xa estivo estes días realizando traballos de acondicionamento na zona do campo da festas e nos seus arredores. Así, estívose achanzando e limpando o campo da festa. Tamén se realizaron traballos de achanzado nun espazo, que está anexo ao propio campo da festa, tapouse cunha reixa un rego que discorre por esta finca, e instalouse unha fonte de auga no campo da festa.
Programa das festas
A programación das festas da Peregrina comeza o venres, 7 de agosto, coa festa do porco á brasa. Esta iniciativa gastronómica desenvolverase a partir das 22:00 horas no campo da festa da Peregrina. Haberá música a cargo do dúo Rosán. As persoas que queiran acudir a esta festa terán que adquirir os correspondentes tíckets, de xeito anticipado, nos bares colaboradores e na propia comisión.
O sábado, 8 de agosto, a festa empeza ás 10:00 horas co tradicional lanzamento das 21 bombas de palenque. A ese mesma hora comezarán os pasarrúas a cargo das charangas O Recobio de Vaamonde e Os Atrevidos de Barcala. Ás 12:00 horas haberá un concerto da banda de música de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) na praza da Maía. Media hora despois, ás 12:30 h haberá unha misa onde os rapaces e rapazas celebrarán a súa primeira comuñón. Tralos actos litúrxicos, ás 14:00 horas, celebrarase a sesión vermú a cargo da orquestra Compostela.
Xa pola tarde, entre as 17:00 e as 20:00 horas, haberá inchables para os nenos/as no parque da Travesía do Rueiro. Ás 19:00 horas volverán os pasarrúas a cargo das charangas O Recobio de Vaamonde e Os Atrevidos de Barcala. Ás 20:30 celebrarase unha misa con procesión de antorchas e ás 21:30 horas actuará no campo da festa o grupo de baile latino (da man de Estela Dosil). A verbena comezará ás 22:30 horas coa actuación das orquestras Los Satélites e Compostela.
O domingo 9 de agosto a festa tamén empezará ás 10:00 horas co tradicional lanzamento das 21 bombas de palenque. A ese mesma hora comezarán os pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Castros de Ames. Unha hora e media despois, ás 11:30 h realizarase unha actuación de baile na praza de Chavián. Ás 11:00 horas haberá un concerto da banda municipal de Outes na praza da Maía e ás 12:30 h desenvolverase unha misa solemne e a correspondente procesión que estará acompañada pola banda municipal de Outes. A sesión vermú celebrarase a partir das 14:00 horas a cargo da orquestra Poceiro.
Pola tarde, ás 19:30 h, xogarase o XII Trofeo de fútbol Café Don Budi no campo municipal de Bertamiráns, e ás 22:30 horas, comezará a verbena coa actuación das orquestras Poceiro e D´Tacón.











