Ábrese o prazo de inscrición para que dez xóvenes sen emprego poidan realizar prácticas no Reino Unido
A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense abre hoxe o prazo de inscrición no programa Galeuropa, co que dez mozos e mozas de Ourense sen emprego poderán realizar prácticas no Reino Unido para axudalos a incorporarse ao mercado de traballo. Os participantes asistirán a un curso de apoio linguistico e desfrutarán dunha estadía de 2 meses no Reino Unido.
Os interesados poden consultar as bases desde hoxe na web do Concello de Ourense e no Facebook da Concellería de Xuventude, descargar as fichas de preinscrición e presentalas ata o día 31 de agosto presencialmente ou online na propia Concellería. Unha praza reservarase a persona con discapacidade.
A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense participa por primeira vez este ano no Proxecto de Mobilidade Transnacional Xuvenil (Galeuropa) para reforzar a empregabilidade e competencias profesionais dos mozos non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, ou recén titulados. Deste xeito, quere contribuír á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional, ao tempo que potencia as competencias en idiomas estranxeiros. O lugar elixido é o Reino Unido.
A prioridade da Concellería de Xuventude é a de apoiar a formación da mocidade mediante a mellora dos seus recursos para incorporarse ao mercado de traballo, favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidades e cualificación de xeito que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo vital. Co programa téntase dotar a comunidade de profesionais de coñecementos máis xerais, e non só das habilidades propias da súa titulación: perséguese que coñezan o funcionamento do mundo empresarial internacional e, á súa vez, o dominio de idiomas estranxeiros, neste caso o inglés.
Galeuropa persegue dous obxectivos principais: por un lado, que os mozos alcancen e asimilen unha visión que contribuirá á mellora da súa vida persoal e profesional, pero tamén quere dotar o tecido empresarial galego de recursos humanos de calidade.
Os requisitos para formar parte deste programa é estaren inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil do Ministerio de Empleo e ser menor de 25 anos (ou de 30 no caso de padecer un grao de discapacidade do 33% ou superior).
Curso lingüístico e estadía en Reino Unido
A Concellería de Xuventude realizará un curso de apoio lingüistico en inglés para as persoas seleccionadas, entre as que se reservará unha praza para participantes con diversidade funcional. Igualmente, ocuparase de xestionar a viaxe, aloxamento en réxime de pensión completa e traslado de ida e volta dos participantes, así como calquera imprevisto que poida acontencer. Para iso, o departamento que dirixe Sofía Godoy poderá contratar unha persoa co obxecto de buscar socios, apoio técnico, supervisión e seguimento dos participantes e das actividades de mobilidade, realizadas no país de destino.











