Ábrese o prazo de inscrición para o curso de Tapas Fusión que se celebrará en Lalín este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O concelleiro de Ocio e Xuventude, Juan José Cruz, anunciou hoxe que queda aberto o prazo de inscrición para o curso de Tapas Fusión que se celebrará o próximo sábado dentro das actividades culinarias programadas no marco da Feira Intercultural. O propósito principal do curso é o de fomentar a integración dos inmigrantes a través da cociña, polo que terán prioridade para asistir aquelas persoas orixinarias doutro país en situación de desemprego e relacionadas co ámbito da hostalería. Para formalizar a inscrición basta con chamar ao número do Concello, 986 78 70 60, onde se tomará nota da demanda e se dará conta á concellería organizadora.

O curso será impartido polo cociñeiro Lucas Requejo nun local da rúa Rosalía de Castro e está por confirmarse o número exacto de prazas que se ofertarán, aínda que estarán entre as 10 e as 15. A actividade formativa está encamiñada a mostrar a elaboración dos pratos máis representativos da comida tradicional galega, elaborados cos produtos chegados á propia feira, e fusionalos con pratos foráneos, como forma de integración das persoas emigrantes na nosa cultura. As actividades gastronómicas finalizarán cunha degustación aberta ao público en xeral.

3 de agosto de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.