Abegondo celebra o I Memorial Eduardo Zapata “Sito” este domingo
Abegondo vivirá este domingo, 9 de agosto, unha celebración moi especial. A festa cabalar que organiza o Concello anualmente converterase no I Memorial Eduardo Zapata “Sito”, concelleiro falecido o pasado febreiro e que foi un dos máximos impulsores deste evento, ao ser un gran afeccionado ao mundo do cabalo.
Decenas de cabalos, eguas e ponis poderanse ver no campo da festa de San Marcos desde as 11.30 horas. A esa hora comezará a xincana e o concurso de barrís, ao que seguirá ás 13.00 horas o de carruaxes. En ambos os concursos haberá trofeos para os mellores clasificados, no primeiro caso, e conmemorativos no segundo.
Despois da comida, na que non faltará a pulpeira, chega a quenda da doma. Ás 16.30 horas terá lugar a exhibición, que precederá ao concurso.
O Concello de Abegondo espera a afluencia de centos de veciños do municipio e da comarca, atraídos polos fantásticos cabalos que se poderán ver en San Marcos e por a xornada familiar que se propicia.