ABANCA súmase á feira Internacional Termatalia que se celebrará en Ourense en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

ABANCA estará presente activamente na 15ª edición da Feira Internacional de Turismo Termal e Benestar, Termatalia, do 24 ao 26 de setembro en Expourense. Neste marco apoiará a recreación do Centro Termal, que representa unha das accións principais do proxecto e é un dos puntos que capta a maior atención de visitantes e medios de comunicación.

Esta área reflectirá como é un balneario por dentro e os tratamentos que nel se realizan en vivo, contando coas Áreas de Piscina, Relax e Zona de cabinas. Nestas últimas poranse en funcionamento equipamentos fabricados en España que aplican as últimas técnicas hidrotermais entre as que se atopan: a ducha Vichy, bañeira de hidromasaxe, chorro jet, maniluvios e pediluvios, jacuzzi, fonte de xeo, sauna e unha columna de aparatoloxía con presospa, arsonspa, cromospa e drenerspa.

Este apartado da feira cumpre unha dobre función. Por unha banda en relación á vertente de negocio, permite aos profesionais coñecer de primeira man as últimas técnicas e equipamentos para o sector fabricados e comercializados por empresas españolas; e doutra banda contribúe á divulgación entre o público xeral dun balneario destas características, co fin de promover estilos de vida saudables e preventivos na sociedade.

Ademais, este espazo será dinamizado con exposicións destinadas ao público como a do Arquitecto Josep Sánchez Ferré “Tendencias mundiais en Urbanismo e Arquitectura Termal do S.XXI”, que mostra a través de fotografías os principais proxectos urbanísticos-termais máis espectaculares de Europa e América, ou a exposición de posters científicos do I Congreso Internacional da auga, organizado en colaboración coa Universidade de Vigo ao que están convocados investigadores de numerosos países.

Con este patrocinio, ABANCA e Expourense reforzan unha vez máis os seus vínculos, xa que a entidade financeira galega tamén é membro do padroado desta Fundación. Ao mesmo tempo, o banco estará presente cunha caseta na feira para informar dos seus servizos ás empresas que traballan neste sector en Galicia, e aos visitantes profesionais procedentes de 30 países.  ABANCA pretende contribuír con este apoio ao fomento do turismo termal e da actividade feiral en Galicia, en marco do seu compromiso co desenvolvemento socioeconómico deste territorio.

Termatalia converteuse nun centro internacional de negocios do turismo de saúde e da industria termal, e nun referente para os países de Latinoamérica que buscan na feira e en Galicia as claves para desenvolver e impulsar este novo sector que ten previsto medrar un 9% cada ano nos próximos cinco a nivel global, superando con fartura as previsións de crecemento do turismo tradicional.

7 de agosto de 2015 | 11:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.