A rúa Lugo cambia o sentido de circulación para favorecer o tráfico na Magdalena
A rúa Lugo en Ferrol cambiará de sentido dende hoxe no tramo comprendido entre o Callao e as Angustias, segundo informou a Policía Local e a concellería de Urbanismo. Esta modificación do tráfico adóptase co obxectivo de que mellore a situación da circulación ante o peche de rúas que se decidiu nesta época estival, segundo explicou a edil de Urbanismo, María Fernández Lemos, e se establecerá de xeito provisional ata setembro, cando se analizará de novo a situación do tráfico.
Deste xeito, a rúa Lugo será de saída do centro de Ferrol, dende a praza do Callao ata a rúa San José na zona próxima ao santuario das Angustias. Manterase no sentido habitual no tramo entre a praza do Callao e a rúa do Sol. Esta medida se adopta despois da petición planteada por hosteleiros e comerciantes.
Doutra banda, María Fernández Lemos indicou que nestes días se está a proceder a finalizar a obra do Cantón de Molíns, que responde a un proxecto iniciado durante o pasado mandato municipal. Segundo lembrou, o proxecto inicial xa contemplaba botar un firme de formigón no tramo comprendido entre as rúas Pardo Baixo e Carmen.
Aínda que se durante o pasado mandato se decidiu cambiar esta previsión e colocar adoquinado neste punto, a dirección facultativa da obra determinou agora que non había “unha colocación correcta”.
“Co goberno anterior decidiuse nun momento determinado modificar o proxecto e facelo con adoquín, nesa zona do encontro da Alameda coas Angustias, pero o adoquín está mal executado, non se lograba un acabado correcto, houbo protestas dos veciños e incluso unha caída”, sinalou María Fernández Lemos, e ante o feito de que a empresa non garantiza unha correcta execución se non é en formigón, se lles indicou que se remate deste xeito a obra.
Doutra banda, a concelleira de Urbanismo avanzou que ten previsto manter unha nova reunión nos próximos días con hosteleiros, veciños e comerciantes da zona, para analizar o avance da obra.











