A rexedora de Mos visita o Parque da Auga de Sanguiñeda

A alcaldesa de Mos na visita ao Parque da Auga
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto coas concelleiras de Política Social e Cultura, Sara Cebreiro, e de Participación Cidadá e Educación, Kely Monzón, acompañaron esta mañá ós nenos e nenas participantes nunha actividade programada no Parque da Auga de Sanguiñeda, incluída na terceira quenda (que comezaba precisamente hoxe) do campamento infantil estival Mañás de Verán.
Aproveitando a visita, a rexedora local mosense desmentiu as acusacións do grupo municipal socialista sobre esta área de lecer, que se convertiu dende a súa posta en funcionamento nun dos espazos de ocio de maior éxito do municipio, recibindo usuarios incluso chegados dende outras localidades e mencións eloxiosas en diversas plataformas dixitais e páxinas web especializadas. “O mes pasado uns 100 cativos de Vigo pasaron polo noso Parque da Auga, concretamente en iniciativas das asociacións veciñais de Lavadores e Cabral, que previamente cursaron solicitude formal ó departamento de Medio Ambiente para poder usalo; polo que o seu estado non debe ser tan lamentable cando chegan peticións de grupos doutros Concellos que queren achegarse ata Mos para disfrutar destas instalacións”, declarou Arévalo, quen insistiu en que “o Parque da Auga de Sanguiñeda é completamente seguro e o seu mantemento recibe un seguemento diario tanto por parte de operarios municipais coma dos propios edís de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, Julia Loureiro e Cándido Pérez, respectivamente”.
Neste sentido a alcaldesa instou ó PSOE a que “deixe de difamar, porque a mentira non pode ser empregada como medio para sair nos medios de comunicación”, lamentou Nidia Arévalo.
O campamento Mañás de Verán lévase a cabo no CEIP Mestre Valverde Maio de luns a venres en horario de 9 a 14 horas. O Concello de Mos subvenciona unha parte do custe por cada neno, resultando o prezo final por cada participante e quenda de 40 euros.
Respecto desta iniciativa Monzón declaraba hoxe que “un ano máis, a concellería de Educación do Concello de Mos puxo en marcha os campamentos matinais para os nenos e nenas do concello en idade escolar. Esta experiencia fai que os nenos e nenas se divirtan, aprendan a relacionarse, compartan actividades e sobre todo vivirán novas e enriquecedoras experiencias. Como en anos anteriores, brindamos actividades únicas para a educación cognitiva, social e afectiva dos participantes, cunha organización responsable, coherente e profesional, garantindo a harmonía, a convivencia, a alegría e o benestar de todos/as. Con esta iniciativa, ofrecemos de novo unha ferramenta de conciliación entre a vida laboral e familiar para os habitantes do noso concello, de xeito que nesta época estival os rapaces e rapazas poidan gozar dun ocio saudable e de calidade dirixido a través de prácticas educativas”.
Os obxectivos deste campamento estival son facilitar a conciliación da vida laboral e familiar no período de vacacións escolares, promover a calidade de vida dos nenos/as de Mos e das súas familias, potenciar a educación en valores e hábitos saudables, favorecer o coñecemento da diversidade e riqueza natural do noso entorno e facer deste proxecto unha experiencia divertida e inesquecible para os rapaces e rapazas do Concello.
As actividades distribúense en 4 quendas: a 1ª quenda que comezou o 1 de xullo e abarca do 1 ao 15 de xullo (ambos inclusive), a 2ª quenda: do 16 ao 31 de xullo (ambos inclusive), a 3ª quenda do 3 agosto ao 17 de agosto (ambos inclusive) e a 4ª quenda do 18 ao 31 de agosto (ambos inclusive).
Dentro do campamento ofértanse ademais servizos de aula matinal e comedor cun custe a maiores e que serán prestados sempre e cando se consiga un número mínimo de 10 nenos/as por servizo.
Detalles sobre o parque
O pasado 15 de maio comezou a funcionar o Parque da Auga de Sanguiñeda, que permanecerá activo en horario de mañá e tarde, de 11.00 horas a 14.00 horas e de 16.00 horas a 20.00 horas, ata o vindeiro mes de setembro, ou incluso máis avanzado o outono se o bo tempo o permite.
O sistema de funcionamento dos elementos desta área de lecer acuática baséase en tres programas que se suceden cíclicamente, funcionando un deses tres programas cada 20 minutos e intercalando un descanso de 10 minutos con periodicidade horaria, tras o cal se volve a reactivar automáticamente o ciclo de tres programas.
Un dato moi importante é que este sistema de funcionamento está deseñado para que non se desperdicie nin unha gota de auga. Isto é, a auga que se usa nos elementos de xogo recóllese e pasa por unha depuradora que a filtra para que se poida volver a usar no seguinte programa; polo tanto, sempre se emprega a mesma auga que vai depurándose e nunca se desperdicia.
Este parque-escola está situado na parroquia de Sanguiñeda, nun parque de titularidade municipal. Na zona de xogos de auga represéntanse o ciclo da auga e o fenómeno meteorolóxico da choiva, fenómenos naturais acuáticos como os géiser, unha noria de rego e unha miniturbina hidráulica para explicar o aproveitamento humán da auga dende os albores da civilización.
Ademais destes xogos coa auga como elemento protagonista, tamén se instalou un horto ecolóxico mediante o que fomentar o respecto medioambiental e a plantación de cultivos ecolóxicos, o traballo en equipo entre a comunidade de veciños, e o achegamento da cultura hortícola e agrícola. Este horto é cultivado, mantido e xestionado polos membros usuarios do centro das Escravas da Virxe Dolorosa a petición da propia institución.
A finalidade da creación dun parque-escola sobre a auga e os cultivos ecolóxicos en Sanguiñeda é a de fomentar entre os máis cativos o respecto polo medio ambiente, pola agricultura ecolóxica e polo consumo responsable da auga, aprendendo que é un ben escaso e moi necesario para o desenvolvemento da vida no noso planeta.
A protección do ambiente e do espazo natural é o obxectivo principal deste parque-escola infantil que ten como contido e característica principal a utilización recreativa e didáctica do recurso natural da auga.











