A reunión polo pacto de organización celebrarase o vindeiro luns
A reunión polo Pacto de Organización proposto polo alcalde, Alberto Varela, para desbloquear o Pleno organizativo do Concello, celebrarase o vindeiro luns, 10 de agosto, a efectos de que todos os grupos dispoñan de tempo suficiente para elaborar as súas respectivas propostas e para que quen o precise, consulte previamente coas súas asembleas. Deste xeito pretende avanzarse no proceso para que o luns os grupos teñan sobre a mesa os documentos cos puntos de partida claros co fin de poder chegar a un acordo co maior consenso.
O grupo de goberno socialista ofreceu aos grupos da oposición asinar un Pacto Organizativo que transcenda a futuros mandatos para facilitar a posta en marcha dos novos gobernos, sexan da cor que sexan, e para evitar situacións de bloqueo como as que está a producir en Vilagarcía dende o pasado 15 de xuño. Este pacto basearíase en que os grupos fixarían por consenso, e dentro dos límites que establece a lei, unha porcentaxe máxima dos orzamentos municipais para destinar ao financiamento dos órganos de goberno (retribucións do alcalde e dos concelleiros, asistencias a órganos dos membros da Corporación, representación en órganos, libres designacións…). A cambio desta limitación, o goberno de turno disporía de total liberdade para distribuír o orzamento como considerase oportuno.
O goberno socialista está traballando xa na elaboración da proposta que presentará ao resto dos grupos. O equipo de Alberto Varela pretende que as negociacións do Pacto organizativo sexan totalmente transparentes, polo que propón que os medios de comunicación estean presentes na xunta de voceiros do luns. Non obstante, someterá este punto a decisión dos restantes grupos, a quen lles consultará previamente a súa opinión.











