A Real Filharmonía de Galicia participa en “Música en Compostela” ofrecendo un concerto este venres no Auditorio de Galicia
No marco da 58º edición do Curso Universitario Internacional de Música Española Música en Compostela, a Real Filharmonía de Galicia participa cun novo concerto este venres. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave. Ademais, contarase coa colaboración do violista nacido en Sri Lanka e de nacionalidade británica Ashan Pillai.
O concerto comezará con La madrugada del panadero, do madrileño Rodolfo Halffter (1900-1987). É unha sucesión de cadros burlescos que o autor sitúa en Andalucía.
De seguido, a orquestra tocará Cantos de Ordesa, do compositor aragonés Antón García Abril (1933), inspirada na natureza do val oscense. Trátase dun concerto para viola e orquestra que será interpretado por Ashan Pillai, un dos principais violistas e pedagogos deste instrumento do sur de Europa.
Os éxitos precoces deste violista en numerosos concursos levárono a debutar con recitais aclamados pola crítica en Londres e Nova York. Ten actuado por todo o mundo e coas principais orquestras. A súa discografía inclúe a colección máis ampla de repertorio español para viola solista e viola e piano. Entre 1995 e o ano 2000 foi asistente de viola na English Chamber Orchestra e dende 2000 é solista da Orquestra Sinfónica de Barcelona e Nacional de Cataluña; ademais de profesor de viola na Escola Superior de Música de Cataluña, no Conservatorio do Liceu e profesor visitante da Universidade Alfonso X de Madrid. Toca cunha viola do luthier americano Gregg Alf construída en 1992.
Na segunda parte desta cita, os músicos achegarán ao público a obra Sortilegis, do compositor catalán Xavier Montsalvatge (1912-2002). A actuación concluirá con El amor brujo, de Manuel de Falla (1876-1946), a súa obra mestra, composta a raíz da súa amizade coa bailarina e cantaora Pastora Imperio.











