A edil de Igualdade visita a horta urbana da Finca do Conde e comproba o desenvolvemento do proxecto
A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces visita esta tarde a Finca do Conde onde o Concello habilitou 41 hortas urbanas, na actualidade todas adxudicadas e con lista de agarda. A Concellaría renovou o pasado mes de xuño todas as parcelas, xa que había algunhas baixas que se cubriron con peticións en lista de agarda.
A concelleira quere manter un encontro cos adxudicatarios para coñecer como están a desenvolver este proxecto, recoller información sobre posibles necesidades da horta…
Ante o bo funcionamento e a resposta cidadá, a Concellaría de Benestar Social Municipal está estudando a posibilidade de ampliar o número de hortas, tanto nesta zona como noutras parcelas municipais que hai en distintos barrios da cidade.
Cabe lembrar que a Concellaría puxo en marcha este proxecto na primavera pasada, aproximadamente, tratando de priorizar ao colectivo de mulleres en risco de exclusión, e introducindo á asociación Xoán XXIII como encargada de crear a horta o que implicou a limpeza de boa parte da parcela, a creación dunha zona de estar con bancos e mesas, unha caseta para gardar os aparellos, entre outros labores. A empresa “Feito”, a primeira empresa de inserción social do municipio, está a facer os labores de mantemento do espazo no que se atopan estas hortas na Finca do Conde.











