A Deputación de Pontevedra e a Fundación Laxeiro apostan pola colaboración para difundir o legado do artista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+
Europa Press
Xosé Leal na Fundación Laxeiro

Xosé Leal na Fundación Laxeiro

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, manifestou onte a súa aposta por potenciar a colaboración entre a Deputación provincial e a Fundación Laxeiro co fin de difundir o legado do artista. Así o indicou nun encontro co secretario xeral do padroado e neto do autor, Carlos García Suárez, na sede da institución en Vigo.

Leal salientou a importancia da Fundación Laxeiro polo traballo que fai máis alá de mostrar a súa obra nunha exposición, como a organización de unidades didácticas para escolares de toda a provincia. “A sala azul na que se fan os obradoiros para os rapaces facilita un primeiro contacto dos nenos co mundo das artes e crea unha necesidade neles de achegarse á arte; a fundación facilítalles o xeito en que se debe descubrir un autor e unha exposición”, apuntou.

Investigacións sobre o autor ou a edición de libros e cómics sobre a súa figura tamén están entre os labores desenvolvidos pola fundación, polo que Leal recoñeceu a súa intención de incrementar as marxes de colaboración económica que existen na actualidade (12.000 euros anuais). Tamén subliñou que se farán contribucións e axudas “non monetarias” para facilitar o seu funcionamento e bo labor.

Na súa primeira visita a unha institución cultural viguesa o deputado provincial afirmou que “Vigo é un referente cultural en toda Galicia” que conta con numerosos centros cos que “hai que seguir colaborando, incluso incrementando as achegas nos casos posibles”.

Leal explicou que a nova andadura da Deputación pretende dar máis importancia a todos os concellos pequenos facéndolles chegar as colaboracións económicas dun gran fondo xeral, mentres que cos concellos de Vigo e Pontevedra se asinarán convenios específicos. Cada un deles, logo, ao recibir a achega provincial, “deberá plasmar a súa aposta pola cultura”. Unha vez o reparto de fondos entre os concellos estea feito poderanse concretar as partidas para os demais centros e organizacións culturais e, no caso do Marco de Vigo, agárdase que poida recibir “unha cantidade digna”.

Pola súa banda, o secretario xeral do Padroado da Fundación, Carlos Pérez, manifestou a súa satisfacción “pola resposta do novo deputado” e as nosas perspectivas de colaboración, que cualificou de necesarias para garantir “unha mínima estabilidade e poder seguir dándolle servizo á cidadanía”. “A Deputación e a Fundación Laxeiro son un tándem que ten que seguir unido e, se pode ser, aumentar a súa colaboración”, sinalou, tras lembrar que “a conxuntura da maldita crise” minguou os recursos achegados no último ano respecto a exercicios anteriores.

Entre as aspiracións da Fundación Laxeiro está levar o seu legado aos mellores museos do mundo. Xa se organizaron grandes mostras no Museo Reina Sofía ou no Instituto Valenciano de Arte Moderno (IVAM), pero polo de agora a falta de orzamento impide a organización de novas exposicións. A falta de medios tamén frea a recuperación do fondo das obras. “Somos conscientes de que hai que agardar a que as empresas poidan patrocinar estes eventos e traballos. E temos claro que as exposicións que se organicen deben ser de gran nivel, como a do CGAC no 1996. Imos pasiño a pasiño”, subliñou Pérez.

A pintura de Laxeiro está considerada como unha das orixes da pintura galega moderna. Téñense catalogadas 3.581 pezas da súa autoría, das que 64 están expostas ao público nas salas da Fundación Laxeiro. Polas unidades didácticas da organización pasaron o último ano preto de 1.400 escolares.

6 de agosto de 2015 | 20:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.