A Concellería de Xustiza Social xa traballa no deseño da Renda Social Municipal
A Concellería de Xustiza Social e Coidados do Concello da Coruña “mantén intacto como compromiso e obxectivo básico” a creación dunha Renda Social Municipal e xa traballa no seu deseño, que requerirá da aprobación dunha ordenanza como paso previo para poñela en marcha. A medida non pode, pois, orzamentarse a través deste modificativo de crédito. “Estamos traballando para superar a nefasta xestión do anterior Goberno local deixou uns graves problemas de tesourería”, apunta a titular do departamento, Silvia Cameán.
“Estamos traballando nas distintas posibilidades que hai para implantala canto antes, aínda que como é obvio a falta de liquidez coa que nos atopamos ao entrar no goberno está a ralentizar o proceso, que non obstante sigue adiante e seguro que estará perfectamente regulado orzamentariamente en 2016”, indica a concelleira, que tamén afirma que “malia as dificultades económicas, este departamento está levando adiante os programas que sinalan como prioridade atallar as urxencias provocadas pola actual crise”.











