A Concellería de Participación abre o prazo para solicitar as axudas a asociacións veciñais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellería de Participación e Innovación Democrática vén de convocar as subvencións en réxime de concorrencia competitiva para asociacións veciñais sen ánimo de lucro que estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña (REMAC). O obxectivo destas axudas é fomentar actividades que alenten á participación cidadá.

O importe global para esta convocatoria do ano 2015 ascende a 30.000 euros. Con eles, financiaránse programas, proxectos ou actividades de interese social ou cultural organizadas por ditas entidades durante este ano.

Segundo explican dende o departamento que dirixe Claudia Delso, “financiaranse, por exemplo, procesos participativos, cursos, conferencias ou debates que favorezan a participación activa da cidadanía na vida do municipio, así coma festas tradicionais e/ou populares de arraigamento cultural”.

As actividades obxecto de subvención poden programarse para a súa realización antes do 31 de decembro deste ano, aínda que tamén poden solicitarse axudas para aquelas que xa se produciron no primeiro semestre do ano. Delso explica que a convocatoria de axudas se fixo, neste exercicio, nun período fóra do habitual. “Usualmente, estas subvencións convócanse na primeira metade do ano.

En calquera caso, tiñan que estar convocadas para antes das eleccións municipais, pero este ano o anterior Goberno local non o fixo así”, explica. “Cando chegamos ao Concello vimos que estas axudas aínda non estaban activadas, por iso xa lles adiantamos as asociación veciñais que iamos a convocalas este verán, na reunión que mantivemos con todas elas o pasado 25 de xuño”, engade. De feito, e tendo en conta o anómalo da data, a Concellería de Participación informou ás asociación veciñais da publicación das bases da convocatoria este mércores, 5 de agosto, no BOP.

As solicitudes de subvención deberán presentarse por Rexistro, dirixidas á Concellería de Participación e Innovación Democrática, dentro do prazo dun mes a partir data de publicación da convocatoria do BOP.

6 de agosto de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.