A Concellería de Cultura mostra a súa satisfacción coas festas de María Pita
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, cualificou de “satisfactorio” o balance final das festas de María Pita 2015, unha edición “multitudinaria” marcada polo aforro, “cun orzamento inferior ao millón de euros”, e na que se apostou pola “maior presenza de artistas locais, transparencia, descentralización e as festas de sempre dos barrios”. O edil salientou “a pluralidade e versatilidade” dun programa “realizado nun mes” que contou coa reformulación dalgunhas actividades tradicionais “que abren camiño a terreos fructíferos” e “á posibilidade de incorporación de elementos novidosos” en futuras edicións.
O concelleiro destacou “a mistura de legado e renovación” das festas de María Pita, coa “incorporación da vangarda a través das artes escénicas na rúa” e a música coma “compoñente fundamental” dos festexos. Primeiro, coa vinculación das festas e da identidade popular á figura dun “pregoeiro cun forte vencello á cidade e a súa historia”, como foi Xurxo Souto, líder dos Diplomáticos de Monte Alto. Segundo, con aquelas actividades de “tradición global” que tiveron éxito de asistencia con novidades na súa presentación. Sande lembrou que “os concertos da Sinfónica de Galicia, da Banda Municipal ou o Festival Noroeste, co seu formato expandido que incluíu máis escenarios e bandas locais con menor orzamento, funcionaron moi ben”. Outra das novidades que subliñou o resposable de Culturas foi a de suspender a Feira Taurina, “facendo das festas da Coruña uns festexos libres de maltrato animal”.
Precisamente o edil salientou o traballo do Goberno local para “salvar a celebración das festas” ante a mala situación económica atopada no Concello, así coma o aforro que supuxo esta edición, sendo unha programación cun orzamento “inferior ao millón de euros, cando o ano pasado foi de dous millóns e medio”, así coma a versatilidade e celeridade á hora da súa realización. “O bloqueo provocado pola adiada constitución do Consello Rector do IMCE provocou que só tiveramos un mes para artellar as festas da cidade” indicou Sande.
Respecto as novidades que poida haber no ano 2016, o concelleiro de Culturas confirmou que xa se están traballando na avaliación desta edición. “Algunhas actividades, coma as relacionadas co mundo das letras ou audiovisual, quedaron fóra do programa por falta de tempo”, á vez que sinalou que o ano que vén “reformularemos algunhas actividades”, como aconteceu este mes de agosto, e farán fincapé na creación local, na rúa e nos barrios. José Manuel Sande tamén quixo destacar que desde a súa área estudarán “o xeito para que a poboación poida participar na programación das vindeiras edicións”, unha fórmula que deu os seus primeiros pasos coa coparticipación por parte do tecido local nas actividades das artes escénicas e o Festival Noroeste. Festas de Nadal Preguntado por medios de comunicación sobre as festas do Nadal, Sande adiantou que a Concellería “está analizando o seu desenvolvemento”, confirmando a continuidade da Cabalgata de Reis, xa que “é unha actividade que xera moita ilusión entre as cativas e os cativos”. O edil destacou que as celebracións serán “acordes a realidade da cidade”, potenciando “a dimensión lúdica e cultural” dos festexos e na que contará coa colaboración doutras áreas municipais.











