publicidade hoxe

A Caravana Feminista da Marcha Mundial das Mulleres recalará en Ferrolterra en outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

A cuarta acción internacional da Marcha Mundial das Mulleres que se iniciou o pasado 8 de marzo -Día Internacional das Mulleres- está desenvolvendo por todo o mundo distintas actividades de concienciación e de reivindicación dos dereitos femininos. En Europa a acción exprésase a través dunha Caravana Feminista que botou a andar no Kurdistán e que rematará en Portugal o 17 de outubro, Día Internacional da Loita contra a Pobreza. Preto desa data, concretamente o 6 de outubro, a caravana fará unha parada en San Sadurniño para manter un encontro coas mulleres do rural.

A Caravana Feminista parte da necesidade de unir en solidariedade aos grupos de mulleres de toda Europa e visibilizar “as nosas diversas e diferentes loitas e resistencias políticas, económicas, culturais e sociais”, tal e como se describe no dosier informativo elaborado pola Marcha Mundial das Mulleres. A iniciativa busca, polo tanto, conectar as mulleres e a loita feminina recollendo e visibilizando ao paso da caravana todas aquelas memorias, prioridades e estratexias propostas polas mulleres europeas. 

Máis en detalle, os obxectivos son varios: dar a coñecer historias de opresión e resistencia, compartir alternativas ao capitalismo e o patriarcado, visibilizar as desigualdades vividas polas mulleres -pobreza, xenofobia, racismo…- e pór en común xeitos de acabar con elas, contribuír a unha economía feminista e solidaria e, por último, o intercambio de experiencias e coñecementos coas mulleres dos distintos lugares de Europa sobre biodiversidade, agricultura local e alternativas na produción, distribución, consumo e preparación de alimentos. Neste último apartado a MMM quere poñer en valor as sementes como ben común producido e mantido durante séculos polas mulleres e as súas comunidades e de aí que durante a caravana se estea organizando un banco que recollerá e compartirá este material vexetal. 

A comitiva polo dereito feminino partiu de Turquía en marzo e desde aquela xa pasou por Grecia, os Balcáns, Italia, Suíza, Francia, Bélxica e Alemaña. Durante este mes de agosto está previsto que se deteña en Polonia e que despois volva encarar o sur para continuar camiño a Hungría, Austria, Italia e Francia de novo, Cataluña, Euskadi e Galicia, onde chegará a comezos de outubro. Posteriormente continuará rumbo a Portugal, onde o 17 de outubro se fará o evento de peche da acción cadrando co Día Internacional da Loita contra a Pobreza.

Parada en Ferrolterra

A Caravana Feminista da Marcha Mundial das Mulleres chegará a Ferrol o luns 5 de outubro pola tarde, onde se organizará un acto de acollemento festivo e reivindicativo. Ao día seguinte pola mañá achegarase a San Sadurniño para manter un encontro enfocado ás mulleres do rural. O programa non está pechado ao cento por cento pero a idea sobre a que se traballa é a de facer un coloquio, proxectar varios dos vídeos de Fálame de San Sadurniño e rematar cun xantar que, se o tempo axuda, se faría ao aire libre. Ese mesmo día pola tarde a caravana estará en Narón para falar sobre ecofeminismo e sobre a realidade ambiental na comarca. 

Na mañá do mércores 7 de outubro está previsto visitar unha explotación gandeira na comarca de Betanzos e na segunda metade do día a caravana emprenderá camiño a Compostela.

3 de agosto de 2015 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.