A campaña “Ponlle as pilas ao teu bocata” visita o CEIP Fogar en Carballo

Ponlle as pilas ao teu bocata en Carballo
Arredor de cen cativos e cativas das Escolas de Verán de Balonmán Xiria veñen de participar no CEIP Fogar nas actividades da campaña “Ponlle as pilas ao teu bocata”, unha iniciativa deseñada pola Consellería do Medio Rural e do Mar coa colaboración de Anfaco-Cecopesca e coordinada na vila polo Concello, que ten como obxectivo poñer de relevo as múltiples virtudes das conservas de produtos do mar, especialmente no marco de campamentos infantís urbanos. A cita consistiu nun obradoiro lúdico pensado para motivar aos cativos e cativas no consumo de produtos do mar en conservas, que fomente o seu interese por este produto e polas posibilidades que ofrece. Así, os produtos do mar son uns alimentos ricos en proteínas, materia graxa, vitaminas e sales minerais e constitúen un dos mais importantes recursos alimenticios.
O obradoiro incluíu actividades informativas, xogos e, sobre de todo, unha actividade de elaboración de bocatas a base de conservas, no que os nenos e nenas puideron elixir entre mexillóns, sardiñas e atún, acompañados de pan e tomate, leituga ou millo. Houbo todo tipo de combinacións, dende sardiñas con millo ata atún con todo, pero os bocatas chegaron para todos e todas. Ademais, a actividade tamén serviu para agradecerlle aos cativos e cativas das Escolas de Verán de Balonmán Xiria o seu traballo no Horto Infantil Ecolóxico Municipal, xa que estiveron nas últimas semanas acondicionando un Xardín de Aromáticas para a Escola de Cociña e Hostalería do Fórum Carballo. Esta mañá de xogos e bocatas para fomentar a comida sa e saudable foi o seu premio.











