publicidade hoxe

Xuventude financia un proxecto en Cabana de Bergantiños para aproximar aos xóvenes de 14 a 18 anos ao mundo sociolaboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosXuventude
A-
A+

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cun grupo de mozos e mozas que están a participar no proxecto da asociación EFA Fonteboa, no marco do programa Deseñando o teu futuro, realizando unha visita in situ a unha das empresas que acolle a mozos participantes nesta iniciativa.O programa Deseñando o teu futuro é unha iniciativa piloto de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo.

É un proxecto de aproximación dos mozos e mozas galegos ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estadías – visitas en distintos sectores das empresas.

A titular da área autonómica sinalou que no marco deste programa no 2015 fináncianse 17 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, nos que participarán un total de 403 mozos e mozas.

“Esta experiencia sirve para que os mozos e mozas adquiran coñecementos e habilidades que axudan a completar o seu desenvolvemento persoal e futura formación académica e profesional. A finalidade deste programa é ofrecer á xuventude unha experiencia de educación non formal, para axudalos na toma de decisión do seu futuro perfil profesional, para que coñezan a realidade da empresa previamente a decidir a súa traxectoria formativa profesional”, destacou.

As estadías-visitas en empresas teñen unha duración mínima de cinco días e máxima de quince días hábiles e establécese unha xornada mínima diaria de catro horas. O número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 30.

27 de xullo de 2015 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.