publicidade hoxe

Vía Láctea Filmes inicia a rodaxe de ‘Sicixia’ na festa da Rapa das Bestas de Sabucedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+

A produtora galega Vía Láctea Filmes presentou hoxe na Estrada o inicio da rodaxe da súa próxima película, ‘Sicixia’, que arrancará esta fin de semana coa toma de imaxes durante a celebración da festa da Rapa das Bestas de Sabucedo. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa no financiamento desta nova longametraxe que dirixirá Ignacio Vilar.

Despois do éxito que supuxo a adaptación cinematográfica de ‘A esmorga’, Vía Láctea acomete en ‘Sicixia’ unha historia de amor e desamor situada na Costa da Morte, que toma como título o termo astronómico que se refire ao momento no que se aliñan os centros do Sol, da Terra e da Lúa.

No filme, protagonizado polos intérpretes galegos Monti Castiñeiras, Marta Lado, Sonia Castelo e Tamara Canosa, o rexistro dos sons propios de Galicia terán unha importancia especial, xa que a través deles se escoitará e se amosará a vida na Costa da Morte galega. Malia centrarse nesa zona do litoral galego, ‘Sicixia’ recollerá escenas doutras localidades da nosa xeografía, como é o caso da festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, celebración popular que será o especial escenario do inicio os traballos de rodaxe, a partir de mañá venres e ata o luns 6 de xullo.

O proxecto, que chegará previsiblemente ás pantallas a finais de 2016, obtivo en 2014 unha subvención de 260.000 euros no marco das axudas á produción e coprodución audiovisual que convoca a Agadic, dentro da categoría concreta dedicada a longametraxes cinematográficas. O director da Agadic, Jacobo Sutil, interveu por este motivo na presentación do inicio da rodaxe que se levou a cabo este mediodía na Casa do Concello da Estrada, acto no que tamén participaron o alcalde José López Campos, o director Ignacio Vilar, e parte do equipo actoral e técnico de ‘Sicixia’.

2 de xullo de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.