Vence quere que as mareas da Coruña se sumen ao acordo que BNG e PSdeG pecharon para a Deputación
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, manifestou o seu desexo de que Compostela Aberta, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños se sumen ao acordo que PSdeG e os nacionalistas pecharon para as deputacións e, en concreto, para a da Coruña, onde estas plataformas políticas obtiveron representación.
Preguntado en rolda de prensa, o líder nacionalista explicou que a comisión negociadora “concluíu un programa” que, segundo dixo, darase a coñecer ao longo desta semana de forma detallada.
En esencia, o acordo recolle o “adelgazamento substancial” das funcións e estruturas dos organismos provinciais; a transferencia á Xunta de recursos como museos ou institutos de estudo; e o paso de recursos económicos aos concellos para a xestión directa dos servizos de maior proximidade aos cidadáns.
Outro dos aspectos que se inclúen no pacto é o referido á “democratización” das institucións e a redución do “protagonismo” das presidencias. Así mesmo, acordaron dotar de maior “transparencia” á institución.
PLURALIDADE
Doutra banda, Vence defendeu á Presidencia da “pluralidade” que existe na Deputación da Coruña. “Deben formar parte da negociación formal e imos compartir con elas o programa de goberno da deputación”, indicou o líder do Bloque en referencia ás plataformas cidadás con representación nesta institución.
Para o portavoz nacional, a Presidencia da deputación ten que “ser representativa” desa pluralidade e “aí reflectida”. Ademais, considerou que na definición do perfil da máxima representación, que non está acordado nas negociacións, deben participar tamén as mencionadas forzas políticas.











