Varela considera precipitada a decisión do Porto sobre o destino da Comandancia sen conversar antes co novo goberno local
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, cualificou como de “moi precipitada” a decisión adoptada onte e sen previo aviso pola Autoridade Portuaria de Vilagarcía en relación ao destino futuro do edificio da antiga Comandancia. O rexedor considera “cando menos, unha descortesía institucional” que a presidenta sometera a decisión ao Consello sen terse reunido antes co novo goberno que, publicamente, anunciara a súa idea de solicitar as instalacións para construír un novo centro de saúde coa capacidade suficiente para atender debidamente á poboación vilagarciá.
Varela Paz, que xa manifestara publicamente a súa intención de manter unha xuntanza coa presidenta portuaria tras a celebración do Pleno Organizativo, lémbralle a Sagrario Franco que o Porto está emprazado en Vilagarcía e, como parte integrante da cidade, debe camiñar da súa man en defensa do interese xeral de todos os vilagarciáns.
O rexedor socialista non cuestiona o regreso da Armada a Vilagarcía “posto que é unha institución máis que estará representada no noso municipio e coa que nos une unha fonda tradición”, pero considera que a Oficina de Acción marítima podería emplazarse noutro lugar para así non obstaculizar o proxecto do centro sanitario. O que si reproba o goberno é que o Porto decidira ligar expresamente o uso da Comandancia a “usos e servizos directamente vinculados coa actividade portuaria”.
O goberno local segue pensando que a antiga Comandancia é o emprazamento máis idóneo para a construción dun novo e máis amplo Centro de Saúde polo que, pese á decisión do Consello Portuario, exporá a idea na primeira reunión coa presidenta do Porto. “Xa é hora de que Concello e Porto conflúan e camiñen da man en beneficio dos vilagarciáns, e iso é o que tratarei que comprenda a Señora Franco”, concluíu o rexedor.











