Valentín García inaugura na Coruña o VIII curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Valentín García na inauguración do curso. Foto: M. Fuentes

Valentín García na inauguración do curso. Foto: M. Fuentes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na inauguración da sétima edición do Curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras que organizan a Universidade da Coruña (UDC) e mais o departamento dirixido polo conselleiro Román Rodríguez.

No acto de apertura, que tivo lugar no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da UDC, participaron, tamén o reitor da UDC, Xosé Luís Armesto Barbeito, e a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística desta universidade, Marisol Ríos Noya. Asistiron os preto de 20 alumnos e alumnas chegados a Galicia desde catro países diferentes para achegarse á nosa lingua e cultura propias.

Alumnado de catro nacionalidades diferentes

A UDC promove, por oitavo ano consecutivo, que estudantado que cursa educación superior en universidades españolas de fóra de Galicia e do estranxeiro -nomeadamente aquel que está a aprender lingua galega a través da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta- teña oportunidade de vir a Galicia para perfeccionaren os seus estudos e coñecer de primeira man o contexto sociocultural e lingüístico. Botarán aquí máis de tres semanas (ata o 24 xullo) combinando aulas teórico-prácticas con outras actividades culturais.

Participan no curso case unha vintena de alumnos e alumnas (a metade deles matriculados no nivel elemental e a outra metade no intermedio) chegados de diferentes puntos de España (Girona, Madrid e Salamanca), Alemaña, Polonia e Italia. Todos eles contan con bolsas de formación destinadas a subvencionar os custos de matrícula e a estadía en Galicia.

VIII Curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras
As actividades deste curso de verán inclúen, ademais de clases de lingua e cultura dos niveis elemental e intermedio, un completo programa de actividades formativas, como excursións culturais e obradoiros de música e danza, sociolingüística, gastronomía, arte e literatura galegas.

1 de xullo de 2015 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.