Usuarios de COGAMI en Ferrol navegan esta fin de semana a bordo do veleiro adaptado Laion

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Un ano máis, o veleiro Laion atraca no peirao do Club Náutico Ría de Ares para poder realizar travesías con persoas con discapacidade que son usuarias de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). Os días 25 e 26 de xullo, o veleiro realizará saídas pola ría posibilitando que as persoas con discapacidade da comarca de Ferrolterra poidan experimentar as sensacións que produce a navegación a vela.

En total van ser 20 persoas as que van participar, divididas en 3 grupos que embarcarán, un deles durante a mañá do sábado, 25 de xullo,  en horario  de 11:00 a 14:00 horas e os outros dous embarcarán o domingo, 26 de xullo,  un durante a mañá e o outro embarcará pola tarde en horario de 16:00 a 19:00 horas.

Para o traslado dende Ferrol a Ares, COGAMI conta co servizo de transporte adaptado que facilitou a Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol en colaboración coa Deputación de A Coruña.

O Laion, unha embarcación que lle foi incautada ao narcotráfico e que ten en garda e custodia a Federación COGAMI Coruña dende hai trece anos, atraca en Ares despois de vir navegando pola costa galega dende Ribadeo, e de realizar travesías con máis de 200 persoas usuarias de distintas entidades que forman parte de COGAMI. Agora permanecerá durante a fin de semana en Ares ata o mes de agosto, onde participará na regata SAR Infanta Elena de A Coruña. 

Este proxecto denominado GAVEA (Galicia Vela Adaptada) é posible a través da colaboración de distintos clubs náuticos que ceden os amarres, como é o caso de: Real Club Náutico de Ribadeo, Marina Viveiro, Club do Mar de Ferrol, Club Náutico de Camariñas, Muport- Marina Muros, Club Náutico Ría de Ares e o Real Club Náutico de A Coruña. 

O GAVEA permite a participación en actividades náutico-deportivas a todas as persoas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño. Dende que iniciou este proxecto, máis de 3.500 persoas puideron participar. 

O VELEIRO LAION 

O Laion, de 13 metros de eslora, ten capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo gobernar o barco a calquera persoa.

24 de xullo de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.