Us 15 xóvenes colaboran no acondicionamento do Camiño de Santiago no campo de traballo internacional de Quiroga
Preto de 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, tanto galegos como procedentes doutras comunidades e países como Italia ou República Checa están a participar estes días no campo de traballo internacional de Quiroga. A iniciativa, que comezou o pasado día 20 e rematará mañá, foi visitada pola directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez.
Os voluntarios están a realizar tarefas de reinterpretación e acondicionamento do camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Quiroga. Para iso, fan un obradoiro de sinalización do camiño e traballos de conservación e mellora do trazado.
Os participantes tamén realizan actividades complementarias, como obradoiros de barro, cestería e coiro, sendeirismo na Lagoa Glaciar da Lucenza, visitas a Montefurado, As Médulas e Monforte ou barranquismo no Courel.
En total, a campaña de verán da Xunta oferta este ano 700 prazas en campos de traballo: 465 de acollida, e outras 265 de partida, un 19% máis que o ano anterior. En concreto, das prazas no exterior, 115 son noutras comunidades autónomas, e 150 distribuiranse en máis de 25 países de todo mundo.
Os campos de traballo de Galicia son 18: Illas Cíes (4 quendas), Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha (2 quendas), Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.
En 2015, o departamento autonómico está a investir máis de 2,4 millóns de euros para financiar preto de 8.530 prazas da campaña de verán, entre campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo en Galicia. Esta programación permite, á súa vez, a contratación duns 900 monitores e directores de campamentos durante os meses de verán.