Uns 80 estudantes rematan en Santiago e na Coruña os cursos universitarios de verán de galego para estranxeiros

Valentín García na clausura dos cursos de verán. Foto: C. Paz

Valentín García na clausura dos cursos de verán. Foto: C. Paz

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurou esta mañá a XXVIII edición dos cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” que se desenvolveron durante este mes na capital de Galicia organizados pola Real Academia Galega (RAG), polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pola Deputación da Coruña. Nel participaron 65 estudantes procedentes de 16 países diferentes.

O secretario xeral lembrou durante a súa intervención a importancia da proxección exterior da lingua e da cultura galegas e animou o estudantado a seguir a súa aprendizaxe do galego e o seu contacto con Galicia desde os seus lugares de orixe para así contribuír á difusión internacional, á investigación e ao prestixio social da cultura e do idioma propios.

Na clausura, que tivo lugar na Facultade de Filosofía, participaron canda García Gómez o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; o director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane; o director dos cursos, Henrique Monteagudo Romero, e a secretaria dos cursos, Ana Boullón Agrelo. Tamén participou nel o presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure.

Tres semanas de achegamento ao galego

Ao longo das últimas tres semanas (do 2 de xullo ata hoxe) 65 alumnos e alumnas procedentes de 16 países de Europa, América e África participaron nos cursos desta XXVIII edición. Neles estiveron representadas un bo número de universidades que na súa meirande parte contan cun lectorado de galego pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.

Durante o desenvolvemento dos cursos tiveron oportunidade de se achegar á lingua propia de Galicia de primeira man, mercé ás clases teóricas e prácticas de lingua, literatura e lingüística, así como ás conferencias e encontros con persoeiros destacados da cultura galega nos que participaron.

Estreita colaboración institucional

A Consellería dirixida por Román Rodríguez organizou durante o mes de xullo cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, en colaboración coa RAG e co ILG da USC e tamén coa Universidade da Coruña.

Grazas a estas colaboracións, que se veñen renovando de xeito ininterrompido desde 1988, arredor dun cento de alumnos e alumnas se achegan cada verán ao galego para iniciarse na súa aprendizaxe ou para perfeccionaren a competencia que xa teñen no noso idioma. Moitos deles adoitan cursar previamente lingua galega nos lectorados da Rede de Centros de Estudos Galegos que a Xunta de Galicia ten en case 40 universidades do mundo.

Hoxe chegan á súa fin tamén os organizados pola Universidade da Coruña en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, que contaron nesta edición con case unha vintena de alumnos e alumnas matriculadas.

24 de xullo de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.