Uns 600 escolares participan das actividades de verán de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

75 rapaces con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos pertencentes ao CEIP O Couto visitaron esta mañá as dependencias da Policía Local para coñecer as instalacións, funcionamento e curiosidades do servizo. Estas visitas, que conforman unha oferta de lecer para o tempo de verán, perseguen o obxectivo da aprendizaxe dos rapaces de Educación Primaria e, ao mesmo tempo, a conciliación da vida laboral e familiar, en palabras da concelleira de Educación, Belén Iglesias, que hoxe quixo acompañar os rapaces.

A edil salientaba a oportunidade deste tipo de visitas nas que se combinan os aspectos lúdicos e formativos: “Que os nenos se divirtan, xoguen e participen, pero que aprendan ao mesmo tempo é o máis importante”, dixo. Mañá será a quenda doutros tantos rapaces pertencentes ao CEIP Mestre Vide.

Pero esta é só una das múltiples actividades de verán que está desenvolvendo a Concellería de Educación, nas que participan 600 nenos e nenas da cidade, e que continuarán ata o 9 de setembro, véspera da incorporación dos cativos ao curso escolar. Os lugares elixidos para levalas a cabo son as bibliotecas municipais de A Ponte, A Carballeira e San Francisco, onde haberá actividades de iniciación á lectura de 10:30 a 13:00 horas para nenos desde os 4 anos, e na Aula da natureza de Oira, en horario de mañá (10:30 a 13:00 horas) e de tarde (16:30 a 19:30 horas), onde os pequenos entran en contacto coa natureza, aspectos relacionados coa saúde e o medio ambiente.

Os horarios e os lugares están pensados, en palabras de Belén Iglesias, para favorecer a conciliación laboral e familiar: “Os centros onde se realizan estas actividades están emprazados en puntos estratéxicos da cidade co obxecto de abarcar o maior número de nenos e nenas de todas as zonas da cidade e facilitarlle así o desprazamento aos pais e nais”.

A conciliación como reto

“A conciliación real da vida familiar e laboral é un dos obxectivos da Concellería de Educación para estos catros anos”, afirma a edil de Educación. “Unha conciliación que queremos se estenda a todos os barrios da cidade, porque somos conscientes de que non todas as familias ourensáns teñen as tardes libres nin poden coller vacacións no verán”, afirmou, polo que un dos retos é o de “ampliar o espectro de actividades para que os nenos e as nenas de Ourense poidan gozar mañá e tarde da oferta educativa e de lecer que se ofreza desde este Concello”.

29 de xullo de 2015 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.