Uns 55 menores de Lalín beneficiaranse da Escola de Verán con Comedor
A concellería de Servizos Sociais vén de anunciar que como mínimo serán 55 os menores que se beneficiarán da Escola de Verán con Comedor, que dará inicio o próximo día 3 de agosto e que estará en funcionamento ata o comezo do próximo curso escolar.
A Escola de Verán configúrase como un programa de educación non formal con diversas actividades en función da idade dos grupos de menores aos que se dirixe. O obxectivo fundamental da iniciativa é o de garantir que os menores de familias con dificultades socioeconómicas vexan garantida unha alimentación equilibrada e variada durante o verán, independentemente de que no transcurso do curso escolar fosen beneficiarios ou non do comedor. Ademais, búscase promover actividades educativas alternativas durante o período estival, favorecer o desenvolvemento integral dos menores, promover hábitos de vida saudable e actividades que fomenten a convivencia, a integración e a participación, así como facilitarlles ás familias a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
O horario de desenvolvemento do programa será de luns a venres de 09.00 a 15.00 horas nas instalacións do colexio Manuel Rivero. A Escola de Verán con Comedor do Concello de Lalín está aberta a todas as familias do municipio, indistintamente da súa situación, para evitar, deste xeito, que se poidan producir posibles procesos de estigmatización. Os menores de núcleos familiares que non cumpran as condicións para entrar no programa de xeito gratuíto, poderán participar aportando a económica cantidade de 30 euros polo primeiro neno e 10 euros máis polo segundo.











