publicidade hoxe

Uns 100 pilotos participan no 7º Campionato de España de Autocross no Circuíto de Bértoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación da proba deportiva

Presentación da proba deportiva

Un total de 96 pilotos conforman a listaxe oficial de participantes que disputarán o 7º Campionato de España de Autocross que se disputa no Circuíto Municipal de Bértoa entre o venres 3 e o domingo 5 de xullo. A proba, cuarta no almanaque do Campionato de España e puntuable para a vitoria final, conta con seis categorías -División I (12 pilotos), División II (12), Off Road Series (9), División III (11), Jr. Car Cross (6) e Car Cross (46)-, con Maikel Vilariño en Car Cross, Darío Calviño en Jr. Car Cross e Perfecto Calviño en División I como pilotos galegos preparados para defender o seu liderado.

A cita contará tamén coa presenza de nomes como Tito Rodríguez ou Santiago Ares en División I, pilotos habituais do Campionato de España de Rallyes de Asfalto; os coruñeses Iván Ares ou Iago Caamaño na categoría de Car Cross; o zamorano Ivan Pousado, líder destacado na División II; ou o catalán Joan E. De Maria co formula Speedcar da División III. Respecto dos horarios, como en edicións anteriores, os motores empezarán a soar na tarde do sábado cos primeiros adestramentos e mangas clasificatorias, quedando para a mañá do domingo as semifinais e as finais, estas últimas a partir das 12.30 horas.

Non obstante, a cita comeza xa o venres 3 de xullo no Pazo da Cultura a partir das 17.45 horas coa entrega de documentación e verificacións técnicas opcionais para os pilotos que queiran asistir, con verificacións tamén no Pazo o sábado pola mañá de 8.40 a 11.30 horas.
A proba está organizada por Escudaría Coruña, coa colaboración de Máis Motor e o Concello de Carballo e Francisco Fernández, da presidencia do comité organizador da cita, quixo subliñar que o Campionato de España bate esta fin de semana o seu récord de participación do ano 2015. Espera que os pilotos ofrezan un “gran espectáculo”, xa que na listaxe de inscritos hai moitos campións de España e os líderes da proba en cada unha das categorías. Así mesmo, quere subliñar a presenza de dúas especialidades, División I e III con súper turismos no primeiro caso e con monoprazas de autocross no segundo, como dúas das disciplinas “máis espectaculares” e que son difíciles de ver en Galicia.

Por último, Fernández quixo agradecer a colaboración do Concello e o seu “esforzo” que fai que “Carballo sexa o centro neurálxico do automobilismo nacional durante unha fin de semana”. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, amosou o seu desexo de que un ano máis o público apoie a cita, ao igual que o responsable de Carballo Deporte, Francisco García Bello, que asegura que o Circuíto de Bértoa está en excelentes condicións para a disputa das carreiras.

Pechou a presentación do Campionato Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo, que resalta que é a sétima ocasión consecutiva en que o municipio acolle unha proba do Campionato de España de Autocross. Agradeceu a “implicación” de Escudaría Coruña, e subliñou que esta fin de semana “é unha oportunidade estupenda para os afeccionados ao motor”, tamén desexando que algún carballés teña a oportunidade de subir ao podio, nomeadamente na categoría de Car Cross, na que hai máis posibilidades.

2 de xullo de 2015 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.