publicidade hoxe

Unha vintena de artesáns e empresas do sector agroalimentario de Lugo participan no Corazón da Artesanía en Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLugo
A-
A+

Unha vintena de artesáns e empresas do sector agroalimentario da provincia de Lugo participan desde mañá e ata o domingo no Corazón da Artesanía. IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, un encontro organizado pola Consellería de Economía e Industria no conxunto histórico-artístico de Os Pendellos, no municipio pontevedrés de Agolada, no que tradición e vangarda van da man e que se ten consolidado como o referente anual do sector.

O programa inclúe tanto exposición e venda de produtos artesanais de toda Galicia e demostracións en vivo de oficios como showcookings, degustacións e venda de produtos gastronómicos, workshops, presentacións de proxectos relacionados coa artesanía, conversas con artesáns de referencia, exposicións, actuacións musicais e talleres participativos de artesanía para o público infantil e adulto.

Entre os artesáns da provincia de Lugo que amosarán o seu traballo nos Pendellos están Elías González, oleiro de Gundivós (Sober); Murúa, empresa de cantería de Antas de Ulla a cargo de David Soengas; e Juan Gayoso, de Lugo, que se dedica á montaxe de moscas para a pesca. Tamén participará a ceramista Lucía Catuxo, de Trabada; o obradoiro de Tornería de Madeira Armaior, de Quiroga; así como Xaneco Obradoiro de Instrumentos Musicais, de Outeiro de Rei. Ademais, na iniciativa Artesanía no Prato empregaranse pezas de Cerámica Regal, de Viveiro.

No tocante aos postos de produtos de alimentación de calidade, no Corazón da Artesanía estarán presentes as empresas lucenses Cervexa Artesá Aloumiña (Lugo); Artesás de Noces, de Lugo; e Secretos de Galicia, tamén de Lugo, dedicada á comercialización de repostería, confitería, bolería e bombóns elaborados en Galicia; así como Granxa Maruxa, de Monterroso, que elabora galletas de nata. Tamén se poderán ver os postos de Cafés Primordiale e Setas Silvestres e Grelos de Lugo, ambos de Vilalba; Currimar Conservas Tradicionales de Xove; Milhulloa, de Palas de Rei (Lugo), centrada no cultivo ecolóxico, tanto de plantas medicinais como de hortalizas; Caurelor, de Folgoso do Courel, que elabora mermeladas de froitas; e Ganado de Lemos, de Monforte.

A xornada de mañá comezará ás 11:30 horas coa inauguración por parte do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, da feira, na que ademais dos artesáns participan 46 empresas de produtos alimentarios de calidade. A partir das 12:30 terá lugar no espazo O Paladar a presentación do proxecto Centro do viño: eixo dinamizador do enoturismo na Ribeira Sacra, a cargo de Humberto Loureiro, que se completará cunha cata de viños da Ribeira Sacra.

Tamén o venres pola mañá comezarán dous dos catro cursos especializados que se inclúen na programación do Encontro. Trátase de A asa. Análise, práctica e deseño, impartido polo deseñador de orixe libanesa Assaad Awad, que ten colaborado con Thierry Mugler, Mario Testino, Lady Gaga ou Madonna. O horario do curso será de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, durante os tres días da feira. O mesmo horario que Oficios de moda. Sombreirería con novos materiais, no que os participantes poderán coñecer da man da experta artesá pontevedresa Viviana Araújo as novas correntes na introdución de materiais non habituais para a elaboración e confección de complementos de moda, especialmente na sombreirería.

O sábado comezarán os outros dous cursos de formación incluídos no Corazón da Artesanía, centrados na fotografía. Fotografía para dispositivos móbiles – Artesanía no prato, impartido polo comunicador audiovisual David Cabezón (Santiago de Compostela) e Fotografía aplicada á artesanía, a cargo do fotógrafo alemán afincado en Lugo Peter Scheneider.

Mañá pola tarde, no Espazo Multidisciplinar, destacan as presentacións dos dous proxectos galegos gañadores dos Premios Nacionais de Artesanía 2014. A partir das 17:00 horas, a cesteira afincada en Outeiro de Rei, Idoia Cuesta, gañadora do Premio Produto, presentará o proxecto Sinerxías creativas: artesanía&deseño. Unha hora máis tarde, Manuel González, presidente da Asociación Galega de Artesáns (AGA), presentará a App das Rutas de Artesanía de Galicia, que resultaron recoñecidas con este galardón na categoría Promociona para Entidades Privadas.

A partir das 20:00 horas, no espazo O Paladar, a cociñeira Lucía Freitas, do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), será a encargada de abrir as degustacións da iniciativa Artesanía no prato, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas tendencias da gastronomía galega. Catro chefs pertencentes ao Grupo Nove serán os responsables de distintos showcookings nos que elaborarán menús degustación con produtos galegos de calidade, que presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia. Os cociñeiros empregarán pezas de cerámica, de madeira e de téxtil elaborados por oito obradoiros artesáns galegos. O sábado será a quenda de Alberto C. Prelcic (Silabario, Tui) e Héctor López (Restaurante España, Lugo), mentres que o domingo estará en Agolada Javier Rodríguez Ponte “Taky” (Catering Boketé, A Coruña).

A xornada do sábado pecharase coa actuación de Guadi Galego, que presentará o seu segundo disco en solitario, Lúas de outubro e agosto, a partir das 22:00 na Praza do Concello, unha vez rematada a feira.

Talleres participativos

O IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular contará entre o seu amplo programa de actividades cunha programación específica destinada ao público infantil. A través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organízanse talleres para iniciar os máis pequenos en diferentes oficios artesanais e que estarán centrados no traballo co papel, a elaboración de instrumentos musicais, a reciclaxe ou gastronomía.

A artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra), impartirá dende mañá e ata o domingo o taller para nenos e nenas Elaboración de guirnalda decorativa, a partir de barquiñas e peixes de origami, cosidas cunha máquina Singer centernaria. O taller realizarase en horario de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

O luthier Xaneco Tubío (Outeiro de Rei) encargarase da actividade Elaboración de xoguetes sonoros, que se realizará o venres, o sábado e o domingo de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, tamén destinado aos máis pequenos. Este obradoiro ten o obxectivo de ensinarlle ao público infantil do século XXI unha serie de xoguetes sonoros que os nenos galegos elaboraban ata mediados do século XX aproveitando os elementos que a natureza lles proporcionaba.

As tardes do venres, do sábado e do domingo, de 17:00 a 19:00 horas, a Praza do Concello estará dedicada ao taller Substitúe o lixo por vida impartido pola cooperativa O Canto da Balea (Carnota). A actividade consiste en clasificar o lixo presente nas nosas costas, mediante o xogo, e substituílo por unha especie mariña. O xogo complementarase co obradoiro Artelixo, no que os máis pequenos poderán transformar este lixo en obxectos decorativos.

Outra das actividades destinadas ao público infantil terá lugar o domingo pola tarde. Trátase do taller Artesanía no Prato, na que aprenderán a elaborar pratos fríos e posteriormente presentalos con pezas de artesanía como soporte. Para esta actividade é necesaria a inscrición previa na páxina artesaniadegalicia.xunta.es.

A programación compleméntase con talleres gratuítos de iniciación a tres oficios artesanais e que estarán abertos á participación de público tanto adulto como infantil. Comezarán mañá e desenvolveranse ata o domingo, en horario de 11:30 a 14:00 pola mañá e de 17:00 a 21:00 h de tarde, agás no caso do taller de centón cuxo horario de tarde será de 16:00 a 21:00 horas. Os ceramistas Susana González Amado e Antón Román impartirán “Iniciación ao torno cerámico”, no Pendello Cerámica, a cesteira Lola Tourón encargarase do taller “Iniciación á cestería”, no Pendello Cestería, e as artesás téxtiles Aurelia Costas e María del Mar Fernández traballarán cos visitantes no Pendello Centón na elaboración dunha peza conxunta no marco do taller “Iniciación ao centón”.

Ademais, o venres tamén botarán a andar a exposicións Oficios de Moda. Ferramentas de sombreirería, na que se expoñerá a colección da artesá pontevedresa Viviana Araújo, na que se achega unha visión sobre a confección de sombreiros e tocados nas diferentes épocas. Tamén se poderá ver Penumbrosos, unha serie de cadros que Álvaro Negro expoñerá no espazo do que no seu día foi muíño e serradoiro familiar.

A organización destas actividades de divulgación e posta en valor da artesanía forma parte do Plan de Artesanía de Galicia, impulsado pola Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal.

2 de xullo de 2015 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.