Unha mostra en Santiago recolle fotografías da visita de Eva Perón en 1947

Inauguración da exposición
A exposición ‘Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo’, que recolle imaxes de Santiago desde os anos trinta até finais da década do noventa, mostra unha perspectiva distinta da cidade e inclúe unha reportaxe “paso a paso” da visita de Eva Perón á cidade en 1947. A recompilación de fotografías, algunhas das cales se vendían como postais aos turistas, procede dun fondo de máis de 3.000 das cales unhas 100 exhíbense desde este martes na Casa do Cabildo e outro centenar no Museo do Pobo Galego.
Hai reproducións feitas a partir dos negativos e fotografías orixinais rescatadas do fondo fotográfico que conserva a familia do autor. Na súa maioría, son imaxes en branco e negro, aínda que tamén hai algunha iluminada con cor polo propio fotógrafo.
A selección abarca imaxes de peregrinos, a Catedral, o Mercado de Abastos e distintas estampas de Compostela; así como fotografías relacionadas cos oficios da época, como as leiteiras que acudían dos pobos próximos ou os feirantes.
Entre as fotografías destacan as de Eva Perón, no seu percorrido en 1947 desde o aeroporto até a recepción na praza do Obradoiro, e outras de Franco.
“FOTÓGRAFO DE FRANCO”
Da vida privada do artista pouco se coñece, xa que era celoso da súa intimidade, segundo explicaron a concelleira de acción cultural, Blanca Novoneyra, e a comisaria da exposición, Mercedes Rozas, en rolda de prensa.
Con todo, unha carta a un amigo permite entrever que a súa ideoloxía antes da Guerra Civil era socialista, segundo relataron este martes na Casa do Cabildo.
Rozas resaltou que Ramón Sánchez Estalote “acabou sendo fotógrafo do mesmo Franco”, e sinalou que do seu traballo “consérvanse catro imaxes”.











