Unanimidade dos clubs galegos co Nacional de Cruceiros de Portosín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

A Sala de Xuntas do Real Club Náutico de Vigo foi esta mañá marco e testemuña de excepción da presentación do Campionato de España de Cruceiros ORC – I Trofeo Pitusa Sabín, que organiza o Real Club Náutico Portosín para os próximos días 22 e 23 de agosto en augas da Ría de Muros e Noia.

Actuando de anfitrioa a presidenta do náutico vigués, Viviana García, contou coa presenza do presidente do club organizador, o Real Club Náutico Portosín, Fernando González, arroupados polos presidentes do Club Marítimo de Canido e Liceo Marítimo de Bouzas, Mauro Olmedo e José María Bosch, respectivamente, así como do vicecomodoro do Monte Real Club de Iates de Baiona, Fernando Yáñez, e o director técnico do Real Club Náutico da Coruña, Alberto Bolíbar.

Unanimidade dos representantes das institucións velísticas galegas no apoio á vela de Cruceiro e en particular a este nacional do que sairán tres embaixadores para tomar parte na gran final que se celebrará en Valencia, no mes de outubro.

O Monte Real Club de Iates de Baiona albergou en 2014 a primeira final nacional, cun representante da comunidade galega. Por decisión da Real Federación Española de Vela, en 2015 serán tres os finalistas por cada unha das denominadas Zonas e na que Galicia achegará tres embarcacións do tres categorías do ORC.

O I Trofeo Pitusa Sabín celebrarase en dúas xornadas, contemplándose o desenvolvemento de probas de percorrido costeiro así como trazados técnicos entre aboias, tipo barlovento-sotavento.

A proposta do club organizador e dos seus directores do campionato Fernando Giraldo e Sergio do Río, en colaboración co Real Club Náutico de Vigo, proxectouse realizar unha proba de subida até Portosín, tras a consecución da 52ª Regata Ribeiro Rías de Galicia, favorecendo desta maneira o traslado dos barcos en flota, con dous ou tres tripulantes.

28 de xullo de 2015 | 22:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.