Un total de 86 empresas turísticas da Coruña reciben o distintivo oficial de adhesión ao sistema arbitral de consumo

Nava Castro e Mª Jesús Muñoz na entrega de distintivos. Foto: M. Fuentes
A Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña acolleu esta mañá a entrega dos distintivos do Sistema Arbitral de Consumo ás empresas turísticas da cidade adheridas a el nun acto que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, a delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López.
Un total de 86 empresas coruñesas recibiron este distintivo oficial que informa da súa adhesión ao sistema de arbitraxe e que poderán exhibir tanto nas dependencias en que desenvolven as súas actividades cara ao público coma nas súas comunicacións comerciais.
O sistema arbitral de Consumo constitúe un instrumento que pon á disposición da cidadanía unha solución eficaz e rápida para resolver os conflitos e reclamacións que xorden nas relacións de consumo. Este sistema arbitral configúrase no sector turístico como un sistema extraxudicial de resolución de conflitos entre os consumidores e usuarios e as empresas turísticas.
Mediante este sistema pioneiro resólvense as reclamacións, sen prexuízo da competencia da Administración turística para incoar o oportuno expediente sancionador se os feitos transcenden do ámbito persoal e teñen relevancia para o sector turístico. Deste xeito, as empresas e os consumidores e usuarios dispoñen no sector turístico dunha vía de canalización e resposta máis rápida, áxil e directa, respecto das súas controversias no ámbito turístico.
Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou o interese dos empresarios galegos por mellorar e continuar impulsando o sector turístico que, segundo afirmou, “é primordial para a nosa comunidade”. A responsable de Turismo da Xunta resaltou a importancia de adherirse ao Sistema Arbitral de Consumo xa que segundo explicou “supón ofrecer ao cliente unha garantía de calidade engadida aos servizos que presta unha empresa e facelo ademais sen custe ningún”.
Así mesmo, Nava Castro afirmou que desde Turismo de Galicia se continuará procurando a exixencia constante, a mellora continua e a innovación como elemento indispensable para ser competitivos e que a calidade continúe sendo o noso selo de identidade.
A directora de Turismo de Galicia concluíu transmitindo os seus parabéns aos empresarios e empresarias turísticas distinguidas e animando aos presentes a continuar na senda cara á excelencia que redunde nunha mellora da competitividade do destino Galicia.
Pola súa banda, a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, resaltou a importante traxectoria da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, dependente do Instituto Galego de Consumo, unha das máis activas a nivel nacional na resolución extraxudicial de conflitos en materia de consumo, e que vén de estender a súa actividade ao sector turístico en colaboración con Turismo de Galicia. Neste senso, no pasado ano 2014, a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia emitiu 1.223 laudos na provincia da Coruña, que, no 90% dos casos, chegaron a acordos satisfactorios para o consumidor.
Máis de 1.600 empresas turísticas adheridas
Na actualidade, Galicia conta cun total de 1.639 empresas turísticas adheridas ao Sistema de Arbitraxe de Consumo. Pola súa parte, A Coruña conta con 432 empresas turísticas adheridas na provincia, das que 86 pertencen á cidade recibindo o seu distintivo no día de hoxe. Así mesmo, a provincia coruñesa conta con 6 asociacións do sector adheridas a este sistema de arbitraxe.











