publicidade hoxe

Un total de 55 xóvenes participarán no verán en campos de traballo da comarca de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónPadrónRoisSantiago de CompostelaVedra
A-
A+

Un total de 55 mozos e mozas de todo o mundo participarán durante o verán nalgún dos tres campos de traballo que a Consellería de Traballo e Benestar organiza na comarca de Santiago, en concreto, nas localidades de Padrón, Rois, e Boqueixón. A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, visitaron hoxe aos 15 participantes que están a tomar parte no campo que se está a desenvolver nesta localidade desde o día 1 e que se prolongará ata o 10 de xullo.

Nesta actividade están a participar mozos e mozas de México, Corea do Sur, Rusia, República Checa, doutras comunidades autónomas e de Galicia. Os participantes están realizando accións de dinamización e conservación do Camiño de Santiago ao seu paso por Padrón, como labores de limpeza –incluído o tramo do río Sar-, ou xornadas de recoñecemento e sinalización dos posibles erros do Camiño.

Ademais, na comarca tamén se realizarán campos de traballo en Rois e Boqueixón, ambos entre o 1 e o 12 de agosto e con 20 participantes.

No caso de Rois, os voluntarios realizarán traballos de intervención arqueolóxica no castro de Socastro, que consistirán principalmente na escavación, prácticas de limpeza, siglado e debuxo arqueolóxico.

En Boqueixón, a iniciativa consistirá na posta en valor do patrimonio cultural e artístico galego a través da dinamización do Pico Sacro e do Camiño de Santiago nos concellos de Santiago de Compostela, Boqueixón e Vedra. O campo está baseado na obra Dragal: A fraternidade do dragón, un proxecto transmedia da escritora Elena Gallego.

Segundo explicou a responsable autonómica, os participantes nestas iniciativas non só se ocuparán dos labores propios do campo de traballo, senón que tamén contarán cunha programación complementaria, na que se inclúen actividades como obradoiros de artesanía, participación en festas tradicionais, talleres de aproximación á música e á lingua galega, ou visitas a diferentes vilas e comarcas galegas.

En total, a campaña de verán da Xunta ofertará este ano 700 prazas en campos de traballo: 465 de acollida, e outras 260 de partida, un 19% máis que o ano anterior. En concreto, das prazas no exterior, 115 son noutras comunidades autónomas, e 150 distribuiranse en máis de 25 países de todo mundo.

Os campos de traballo de Galicia son 18: Illas Cíes (4 quendas), Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha (2 quendas), Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.

En 2015, o departamento autonómico investirá máis de 2,4 millóns de euros para financiar preto de 8.530 prazas da campaña de verán, entre campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo en Galicia. Esta programación permitirá, á súa vez, a contratación duns 900 monitores e directores de campamentos durante os mes de verán.

6 de xullo de 2015 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.